A galega Minotec achega acceso rural de entre 3 e 10 Mb por 29,90 euros

venres, 3 de xuño do 2011 Fernando Sarasketa

Minotec, empresa con sede en Baiona especializada no equipamento e posta en marcha de redes WiMAX para achegar accesos á Rede a onde non chegan as grandes firmas do sector, vén de pór en marcha un novo paquete de servizos para, en palabras da propia compañía galega, “rachar de xeito definitivo coa fenda dixital existente en Galiza”, por outra banda un problema que arrastramos dende hai anos e que ten múltiples culpables, comezando polas propias operadoras e continuando coas administracións responsables. A oferta de Minotec é a todas luces salientábel: o seu novo servizo ofrece acceso vía satélite con velocidades comprendidas entre os 3 e o 10 Mb e con prezos mensuais que parten dos 29,90 euros. “Deste xeito”, engaden os responsables da firma de Baiona, “en calquera lugar de Galiza, a partires de agora mesmo, xa é posíbel dispor de acceso a banda larga a altas velocidades e a prezos máis que axustados”.
Con este innovador e vantaxoso paquete, informa a empresa, Minotec culmina unha das súas grandes metas: facilitar cobertura no cen por cen do noso territorio e poder, así, dar solución de conexión aos datos a calquera fogar ou empresa que o precise. “E todo sen necesidade de apoio de ningún tipo da administración pública, só a través da busca de solucións para o rural galego por parte dunha pequena empresa de aquí”, engaden.
O servizo presentado estes días únese ao sistema posto en marcha dende o seo da firma de Baiona hai uns tres meses e que consistiu en achegar acceso á Rede ás comunidades de veciños de Navia, ofertando conexión de 10Mb por 9,90 euros sen cambios no custo, unhas condicións que probablemente sitúen á oferta entre as máis económicas das achegadas no noso país dentro do seu ámbito.
Minotec, empresa nova integrada por profesionais das redes (VoIP, Wi-Fi, WiMAX, datos, vídeo vixilancia, Vía Satélite, Bluetooth, etc), foi posta en marcha en 2007 con capital cen por cen galego. Dentro das súas áreas de traballo atópase o despregue de redes WiMAX en contornos rurais, sendo neste eido todo un referente tanto a nivel galego como estatal, chegando incluso a facer traballos en lugares como a Cidade Autónoma de Melilla ou a comunidade autónoma de Castela e León.

PUBLICIDADE