A galega Austen amosa en Valencia as súas tecnoloxías 2.0 para combater pragas e optimizar explotacións agrarias

xoves, 3 de outubro do 2013 Fernando Sarasketa

O Grupo Austen, iniciativa empresarial con base de operacións en Narón, está a presentar estes días unha serie de innovadoras tecnoloxías no marco do Vegetal World Congress, o Salón Profesional da Innovación e a Produción Agraria de Valencia. Máis polo miúdo, o grupo galego amosa na dita feira as súas estacións agroclimáticas Siega System (en galego Sega), especialmente deseñadas para previr pragas en cultivos e para facilitar o control de rego de terras a distancia. Trátase, en palabras dos responsábeis de Austen, “dunha aposta tecnolóxica pola agricultura 2.0 que se está dando a coñecer a representantes de empresas e profesionais, comunidade científica, administración e a grandes e pequenos produtores”. Este son, precisamente, os colectivo profesionais que adoita xuntar a feira de Valencia, do 2 ao 4 de outubro.
Sega System, engade a empresa ferrolá, baséase nunha rede de sensores que, conxuntamente cunha aplicación informática, monitoriza as variábeis do terreo e do ar de tal xeito que, vía Internet, fornece ao agricultor información de valor en tempo real sobre múltiples parámetros. Por exemplo, as condicións de temperatura e humidade do chan e o cultivo. Tamén advirte de condicións ambientais de risco e xera alertas, de maneira que o agricultor recibe no seu móbil ou computador estes avisos que logo vanlle permitir tomar as decisións máis axeitadas para mellorar e optimizar a súa explotación, aforrando custos e traballando na eficiencia. Por outra banda, as estacións de Austen non precisan instalación nin montaxe, son móbiles e lixeiras a tiran enerxía de placas solares.
“Sega System”, engaden os seus desenvolvedores, “mide cantos parámetros desexe o usuario, e todos eles posibilitan melloras prácticas, por exemplo medindo a tensión hídrica do chan pódese adecuar o aporte de auga ás necesidades do terreo e rebaixar o recibo da mesma; e controlando a temperatura estaremos en condicións axustar os sistemas de calefacción ou ventilación dos invernadoiros ás necesidades da planta e aforrando na factura eléctrica; as posibilidades son infinitas”.
En Valencia, responsábeis do Departamento de I+D+i de Grupo Austen amosan as vantaxes dos ditos sistemas nos campos de vide, ensinando aos asistentes o modelo que empregan para establecer as estratexias de loita anti-fungos (mildiu), nas súas palabras “unha das peores doenzas do viñedo se as condicións meteorolóxicas lle son farovábeis”, ou na loita contra a botrite, outra afección no eido da viticultura.

PUBLICIDADE