A feira Pont-Up Store acubillará máis de 30 actividades

mércores, 7 de setembro do 2016 Redacción

Este mes de setembro vai estar cargadiño de eventos galegos relacionados coas novas tecnoloxías e o traballo colaborativo ao abeiro das redes, unha parte importante deles directamente encamiñados a facer fincapé na nosa vertente máis creativa e en amosar o noso potencial ao mundo (e, claro, ás empresas). Un exemplo disto é a feira Pont-Up Store, que se vai desenvolver entre os días 22 e 24 e que, segundo puidemos saber este martes, acubillará máis de 30 actividades, promovidas “co obxectivo de dar apoio aos novos emprendedores e emprendedoras”. O evento terá o seu eixe de operacións na Praza de España de Pontevedra. Vén da man da Universidade de Vigo, no marco do proxecto CREA S2i, co Concello como principal patrocinador. O seu fío temático será o cooperativismo e a economía social.
Segundo fixo saber o profesor Pedro Figueroa na presentación levada a cabo este martes no consistorio (acompañado polo vicerreitor do campus, Juan Manuel Corbacho, e a concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías), a feira arrincará o día 22 cun Day breaker, unha sesión matinal “de música e relaxación”, diante de Ciencias Sociais e da Comunicación. Nesta xornada previa desenvolveranse tamén unhas sesións de adestramento executivo para emprendedores en economía social na Casa das Campás, promovidas pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, e un debate sobre economía social nas industrias culturais de Galicia e Norte de Portugal. O programa desta xornada inclúe un Fab Lab de impresión en 3D e gravado láser, no que “varias empresas van a amosar os seus produtos en 3D” e que se completará con cursos de iniciación a estas tecnoloxías, segundo explicou Figueroa.
Así mesmo, esta xornada previa abrangue tamén un coloquio na sede de AJE-Pontevedra e a presentación na Casa das Campás do Programa Erasmus Emprendedor, da man da Cámara de Comercio de Santiago.
Na carpa habilitada da Praza de España a cidadanía poderá coñecer os produtos e servizos das 36 empresas novas seleccionadas de entre 115 candidaturas. De xeito complementario e paralelo, outros puntos da cidade serán tamén acubillo de actividades. Por exemplo a Casa das Campás, que acollerá o venres un coloquio sobre apoio público ao emprendemento en economía social, da man de técnicos do IGAPE, mentres que Abanca achegará no Café Moderno información sobre financiamento de iniciativas empresariais e o Edificio Administrativo da Deputación de Pontevedra será a sede dun coloquio sobre comercialización de servizos a través das redes sociais.
Tamén o venres 23, a Casa da Luz será o escenario do speed dating Puntazo Exprés, unha iniciativa impulsada no marco do programa Pontevedra ten un Puntazo. Consistirá en achegar unha canle de comunicación directa para dez emprendedoras e emprendedores da contorna pontevedresa e galega. Terán a oportunidade de amosar os seus proxectos é veciñanza e, tamén a empresas xa consolidadas como FINSA, Qbitia, Idoia Cuesta ou Monet Viticultura. O encontro, explicou a concelleira, pecharase cunha sesión de networking para os 36 emprendedores e emprendedoras participantes neste terceiro Pont-Up Store.
O sábado 24 clausurase o evento coa entrega de premios aos mellores proxectos participantes.
O programa de actividades abrangue iniciativas como unha sesión de networking para os participantes nas dúas anteriores edicións ou a Xincana Bike organizada coa colaboración do Club Ciclista Poio. A estas propostas súmanse ademais as 15 actividades de dinamización propostas polas empresas participantes na feira, que tamén acollerá unha mostra de proxectos e gravacións en VR e vídeo 360, promovida polo Encontro Internacional de Tecnoloxías Emerxentes Tek-Fest.
O programa complétase co curso Dinamización do Cooperativismo no sector cultural que a Federación de Cooperativas Sinerxía promove na Deputación de Pontevedra e que se desenvolverá desde o luns 19 até o venres 23, xornada na que se pechará coa presentación na Casa das Campás dunha “iniciativa novidosa en Galicia”, o encontro de emprendemento musical Músicos ao Vivo.

PUBLICIDADE