A estación de autobuses de Compostela conta xa con acceso sen fíos á Rede e de balde

venres, 12 de xaneiro do 2007 Fernando Sarasketa

O alcalde compostelán comprobando a conexión á nova rede

A partir de hoxe venres, Santiago é un pouco máis accesible ás redes da información. Así o fixo saber o Concello, que vén de habilitar conexión Wi-Fi de balde nun dos espazos máis transitados da cidade, tanto por xente que chega a ela como por xente que sae: o vestíbulo superior da estación de autobuses de San Caetano.
Esta tecnoloxía, que non require fíos, permitiralles ós usuarios da central de transportes a navegación pola Rede a través dos seus portátiles. O servizo, ideal para viaxeiros que establezan conexión con lugares afastados ou mesmo para a nutrida comunidade de estudantes que vive na capital de Galiza, fixo preciso a habilitación dunha nova antena e a ampliación da conexión ADSL.
O Wi-Fi presentouse este venres 12 na estación nun acto que contou coa presenza de representantes do Concello, que aproveitaron tamén para dar a coñecer de xeito oficial as melloras desenvolvidas no dito espazo: novo logotipo, novo aspecto das salas de acollida de viaxeiros con disposición de cores e iconas que simbolizan os escenarios máis senlleiros da cidade compostelá.

PUBLICIDADE