A escritora, profesora e divulgadora Marilar Aleixandre fala este martes na UDC de como interesar ao alumnado na ciencia

martes, 18 de decembro do 2012 Fernando Sarasketa

A Semana da Ciencia, tal e como advertimos, non remata nos días oficialmente programados (unha listaxe de xornadas orixinariamente inseridas no mes de novembro e dun tempo a esta parte aplicábel a todo o mes, e máis alá). Este martes 18 de decembro, a Facultade de Ciencias acolle unha actividade que resume e sintetiza en boa maneira o espírito da dita celebración internacional: o espírito de alentar vocacións científicas, de amosar as súas vantaxes e beneficios (tanto dende fóra como, sobre todo, dende dentro) e de quitarlle ferro ao asunto entre as novas xeracións. A actividade, programada para as 20 horas, vén da man da profesora Marilar Aleixandre, e desenvólvese baixo o epígrafe Interesar ao alumnado nas Ciencias: unha tarefa posible?.
Lembrar que María Pilar Jiménez Aleixandre é doutora en Bioloxía, cunha tese sobre a aprendizaxe da selección natural que recibiu os premios de investigación do Ministerio de Educación e Ciencia e da Xunta de Galicia. Profesora de Bioloxía en Secundaria durante 12 anos, arestora é catedrática de Didáctica das Ciencias na Universidade de Santiago de Compostela. É autora ou coautora de uns cincuenta libros ou capítulos e setenta artigos sobre a aprendizaxe das ciencias en galego, castelán e inglés, entre eles os primeiros itinerarios naturais e os primeiros libros de texto de ciencias en galego.
Baixo o nome de Marilar Aleixandre, ten publicadas numerosas obras de poesía, narrativa e narrativa xuvenil e infantil.
Con respecto á súa conferencia, sinala a UDC, referirase ao descenso na proporción de alumnado que escolle carreiras científicas, “o que constitúe unha preocupación en toda Europa, lembrando que distintos estudos amosan como o alumnado vai perdendo interese nas ciencias a medida que avanza a escolarización”, engade a Universidade da Coruña. Con todo, a profesora analizará o feito de que hai alternativas para un ensino das ciencias máis próximo aos intereses do alumnado, temas e actividades que poñan de manifesto a relevancia das ciencias para as nosas vidas. “Non é unha tarefa doada, xa que nos medios de comunicación préstase máis espazo á pseudociencia (astroloxía, horóscopo, homeopatía etc) que á ciencia, e os termos científicos cárganse de significados negativos, como a frase isto non ten química”, lembra Marilar Aleixandre.

PUBLICIDADE