A edición máis indie do festival Play-Doc de Tui inaugúrase este mércores

martes, 11 de marzo do 2008 Fernando Sarasketa

Lech Kowalski, director independente de orixe polaca

En ocasións, piares relativamente pequenos sosteñen edificios de envergadura. Isto é o que acontece máis ou menos co festival Play-Doc, que converte unha vila galega de tamaño medio, Tui, no centro de atención dos creadores e dos seareiros de documentais de medio planeta. O certame, que comeza este mércores 12 (ficando de portas abertas até o domingo 16), vén este ano con importantes novidades: o documental que revive os 25 anos de Sinistro Total ou a visita de Lech Kowalski, director independente de orixe polaca (pero estadounidense de adopción) que –entre outras cousas- tivo o privilexio de ser testemuña do rebulir do movemento punk, sendo o seu documental Dead on Arrival (sobre a derradeira xira dos Sex Pistols en América) un máis que notable exemplo de rexistro dunha época.
O festival, que ten unha estreita relación co dixital (ben a través da súa web, deseñada de xeito impecable dende todos os puntos de vista, ou ben polo feito de que unha boa parte do exhibido foi realizado con tecnoloxías innovadoras), inclúe vinte sesións de proxección, tres concertos, obradoiros, relatorios e un foro.
A vontade dos seus responsables, Sara García e Ángel Sánchez, é a de subir cada ano un chanzo máis no camiño da opinión libre, do risco e da total independencia. En definitiva, Play-Doc (que vai xa pola súa cuarta edición) estase a consolidar dende Tui coma o máis semellante a unha porta anual á realidade, a que nos gusta e a que nos incomoda, malia que sexa unha realidade (igualmente real) vista, sentida e procurada por un director ou directora concreto. Con todo o que iso implica.

PUBLICIDADE