A edición 2006 de Galiciatic celébrase na Toxa este 17 de novembro

mércores, 15 de novembro do 2006 Fernando Sarasketa

A xuntanza tecnolóxica Galiciatic chega este ano con novidades. Para comezar, haberá nova feitura: as actividades (relatorios, debates, presentacións) non se desenvolverán ó longo de varias xornadas e co formato máis tradicional dos congresos, senón nun único día, este 17 de novembro, e propiciando ó máximo o achegamento entre os participantes e o público. Amais, Galiciatic cambia de emprazamento, e pasa de celebrarse no Palacio de Congresos de Santiago ó Hotel Balneario da Toxa. A xornada deste venres 17 estará dividida en tres partes: unha mañá dedicada ás presentacións de desenvolvementos tecnolóxicos, un serán que inclúe un Foro de Negocios e a presenza –entre outros- de Carlos Jiménez (presidente de Secuware), e un final do serán que liga directamente con A Noite Galega das Telecomunicacións e a Sociedade da Información, encontro da AETG-COETG que comeza coa presentación oficial en Galiza e en España do sistema operativo Windows Vista de Microsoft.

Premios na Noite Galega das Telecomunicacións

Recoñecer o labor das empresas galegas (ou vinculadas a Galiza) do sector tecnolóxico a prol da innovación, a competitividade e, tamén, da divulgación e a formación relacionada coas novas canles e ferramentas do coñecemento. Esa é unha das principais razóns de ser do Premio Gerardo García Campos 2006 que convoca a Asociación e o Colexio de Enxeñeiros de Telecomunicacións de Galicia (AETG-COETG) e que chega a gora á súa cuarta edición, estando prevista a súa entrega no marco da undécima Noite Galega das Telecomunicacións, o vindeiro 17 de novembro no Gran Hotel da Toxa.
Máis polo miúdo, o que devandito colectivo de enxeñeiros galego quere con este premio é achegar o máximo pulo a proxectos empresariais emerxentes que sexan salientables nos seguintes eidos: introdución das TIC en sectores nos que fornezan valor en procesos tradicionais; desenvolvemento de produtos aplicables en mercados amplos; orientación á exportación; creación de emprego tecnolóxico; actividade en I+D+I; aumento do espectro de valor no sector das TIC (contidos) e desenvolvemento de produtos de interese social. Poderán concorrer ao premio, que ten unha dotación económica de 6.000 euros, tódalas pequenas e medianas empresas (pemes) privadas españolas relacionadas co sector das TIC que leven constituídas menos de cinco anos na data da convocatoria.
Por ser a Fundación Enxeñeiro Gerardo García Campos de interese galego e contar co protectorado da Consellería de Industria da Xunta de Galicia, os proxectos que se presenten deberán estar vinculados á nosa terra, tendo que cumprir –polo menos- algún dos seguintes requisitos: que os socios fundadores sexan galegos; que a sede social estea en Galicia ou que o proxecto empresarial repercuta de maneira directa en beneficio da nosa comunidade. Para máis información, cómpre poñerse en contacto coa organización a través destes enderezos: administracion.coetg@coit.es ou aetg@aetg.org.

PUBLICIDADE