A cuarta parte dos provedores do MapaTIC galego achega recursos con licenzas libres

martes, 12 de febreiro do 2013 Redacción

O software libre era unha opción para as empresas antes da crise, e agora, no medio dun túnel económico ao que non lle vemos a saída, aínda máis. Isto non o dicimos nós, senón a consultora Gartner nun dos seus máis recentes estudos, no que certifica para 2016 unhas previsións de crecemento para a industria TIC do software aberto do 95% de penetración en grandes empresas. A nosa terra non é unha excepción a esta tendencia, e unha chea de responsábeis empresariais xa entenderon hai tempo que a tendencia é a estandarizar, liberar, dispoñibilizar e permitir marxe de adaptación de códigos fonte. Así nolo certifican os datos recentes do MapaTIC que presentou a axencia AMTEGA estes días e que reflectimos en detalle en Código Cero. Na investigación amósase que un de cada catro provedores ofrece xa solucións con licenza libre.
En termos máis concretos, dicir que o MapaTIC.gal, recurso que achega xa máis de 400 produtos e servizos tecnolóxicos, contando tamén con 178 provedores, presenta unha porcentaxe do 22,30% no que respecta a solucións ofrecidas con licenzas abertas. Amais, preto da cuarta parte dos provedores fornecen servizos open source. Recordar que o devandito Mapa, servizo que vén da man do Centro Demostrador TIC (pertencente a AMTEGA e emprazado no CNTG, o Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia), é unha plataforma web que ten como obxectivo servir de punto de encontro virtual entre as empresas TIC e as empresas doutros sectores que demandan solucións tecnolóxicas. Polo que atinxe aos produtos ofertados, a maioría (37%) son solucións de xestión empresarial, seguidos de software especializado (19%), portais e plataformas web (15%), electrónica e comunicacións (10%) hardware e sistemas de base (9%), contidos dixitais, multimedia e 3D (5%) e seguridade informática (5%). Por categorías de servizos tecnolóxicos os de maior presenza no mapa son os de auditoría e consultoría (43%), seguidos dos de desenvolvemento de software e contidos (34%) e nunha menor porcentaxe os de soporte e o mantemento de infraestruturas e sistemas (12%) e formación (11%).

PUBLICIDADE