A consola portátil Razer Edge chega a Europa

mércores, 2 de agosto do 2023 Marcus Fernández

O ano pasado Razer presentou unha consola portátil baseada en Android, cun deseño moi semellante ao da Nintendo Switch, pero cunha potencia moi superior, polo que resulta interesante para gozar dos xogos para Android máis potentes e tamén para gozar dos servizos de xogo na nube e xogo remoto.
Até o momento a Razer Edge non estaba dispoñible en Europa, pero a espera xa rematou, e podemos adquirir este dispositivo a un prezo de 499,99 euros, aínda que a un prezo tan elevado non parece que vaia haber moitos xogadores que poidan xustificar tal investimento.
A Razer Edge vén a ser unha tableta con Android que funciona cun potente procesador Qualcomm Snapdragon G3x Gen 1, que integra o accesorio Razer Kishi V2 Pro (que engade controis físicos), e que como grande diferenza fronte a dispositivos como a popular Steam Deck ou a Nintendo Switch ten que a súa pantalla de 6,8 polgadas ten unha resolución Full HD+ e unha velocidade de refresco de 144 Hz, polo que pode ofrecer experiencias e xogo en mobilidades de grande calidade (especialmente cando empregamos servizos de xogo na nube que permiten gozar de xogos en alta definición).

PUBLICIDADE