A conexión á Rede de A Estrada Dixital será de pago a partires de outubro

xoves, 30 de agosto do 2007 Marcus Fernández

O alcalde de A Estrada anunciando a anterior ampliación da fase de proba da rede sen fíos

A rede sen fíos dentro do proxecto A Estrada Dixital estaba a ser empregada de balde nunha etapa de probas, e por mor dos moitos problemas de provisión que estaban a padecer para achegar a conexións a tódolos solicitantes don concello de A Estrada, así como algúns problemas de cobertura, se prorrogara a súa gratuidade ata, polo menos, o 1 de setembro.
Ante a proximidade de tal data, o alcalde estradense, José Antonio Dono, anunciou que as conexións á Internet por Wi-Fi non se cobrarán ata o mes de outubro, no que se deberán pagar 10 euros/mes por conectarse a través desta conexión xestionada a través dunha fundación cultural creada para tal fin e que conta coa aprobación da Comisión do Mercado das Telecomunicacións para operar, de xeito que non corresponde a unha rede sen fíos de balde administrada polo Concello (actividade perseguida pola CMT ante as denuncias das operadoras de telecomunicacións).
Dende o Concello agardan que os problemas de cobertura da rede sen fíos se solucionen durante as vindeiras semanas.
A consolidación desta rede Wi-Fi prodúcese nun momento conflitivo no que mentres os especialistas aseguran que este tipo de comunicacións substituirán as redes Ethernet nos vindeiros anos, os responsables municipais de Chicago decidiron botar abaixo o seu proxecto de rede cidadá Wi-Fi que prometía dar cobertura a unha rexión de 367 quilómetros cadrados pero que se atopou con problemas financeiros para acadar tal fin.
A viabilidade da comercialización de redes Wi-Fi neste momento está en boa media ante a posibilidade de que operadoras comerciais acheguen conexións mediante HSDPA ou WiMAX a medio prazo, o que podería minar a amortización das infraestruturas instaladas hoxe. Tal elemento é crítico nos EE.UU., xa que Sprint xa ten iniciado o seu proxecto XOHM para montar unha enorme rede WiMAX, o que levará a moitas cidades a repensar os seus proxectos de redes públicas metropolitanas.

PUBLICIDADE