A comunidade de software libre fará fronte común coa coincidencia numérica do día 11

mércores, 2 de novembro do 2011 Fernando Sarasketa

Este ano 2011 dase unha confluencia de números, o vindeiro día 11, desas que ocorren unha vez na vida, ou nin sequera. Para entendérmonos, o 11 de novembro será o 11 do mes 11 do ano 11, coincidencia que xa hai quen quere pór de manifesto para celebrar cuestións propias das cifras ou, tendo en conta esta curiosa circunstancia, que parece un extracto particularmente interesante da linguaxe binaria, do eido informático. Segundo nos conta a asociación galega AGNIX reflectindo informacións de CENATIC, estáselle a dar forma na Rede a unha celebración para conmemorar esta curiosa data ou, mellor dito, para festexar (coa escusa numérica) o comezo do século do software libre.
E explican: “Aínda que sexa unha celebración simbólica, non podemos perder a oportunidade de compartir este encontro sen dúbida único e que servirá para potenciar e buscar puntos comúns entre as comunidades para o impulso e desenvolvo iniciativas, difundir avances e sumar esforzos ao redor do Software Libre”.
Detrás desta convocatoria, segundo nos contan dende Somoslibres.org, hai persoas e organizacións de moi distintos países, sendo o seu desexo celebrar a cultura dos programas abertos como unha forma actual e viva de cultura solidaria e máis de pensamento liberador e comprometido coa defensa das liberdades na tecnoloxía. Para a devandita xornada, polo tanto, está xa programado que se reúnan persoas de distintas comunidades en diferentes partes do mundo para celebrar o dito festexo, unha xornada para recordarnos (tamén) que aínda quedan moitas persoas e administracións ás que informar das vantaxes dos programas abertos, tanto dende o punto de vista do aforro e da sustentabilidade como da eficacia e da accesibilidade. “Xa moitos colectivos están a sumarse a este 11-11-11”, engade CENATIC, “e esperamos que moitos máis acompañen esta celebración de forma libre e creativa nas redes sociais, canles IRC, listas, radios e medios alternativos, blogs e toda forma de comunicación”.

PUBLICIDADE