A comunidade de seareiros do software libre xunta forzas este mes no Kernel de Mugardos

venres, 4 de setembro do 2015 Fernando Sarasketa

Este mes de setembro a comunidade galega de usuarios e desenvolvedores de programas e servizos abertos ten unha cita ineludíbel en Mugardos. Trátase da nova xuntanza Kernel, un evento “lúdico-tecnolóxico” sobre software libre e para o software libre, en palabras dos seus organizadores, os membros da Asociación Comunidade O Zulo e o Concello de Mugardos. A xuntanza está prevista para os días 18, 19 e 20 de setembro, na Casa da Cultura local e a un prezo de 12 euros por inscrición (con 20% de desconto para as socias e socios da comunidade). Segundo fan saber dende O Zulo, o Kernel é un evento libre e aberto dende todos os puntos de vista, non só polas temáticas tratadas, senón polo xeito de achegarse ao público potencial. “Todas e todos temos sitio no Kernel”, afirman, “dende rapaces de 15 anos até universitarias/os, pasando por profesionais de todo tipo de actividades e adicacións”.
Para esta edición 2015, a comunidade actualizou o programadas engadindo obradoiros de produción musical con software libre, fotografías con móbiles, introdución á robótica co hardware libre Arduino ou personalización de móbiles Android.
O evento, engaden dende O Zulo, é moi acaido para todo tipo de seareiros da persoas, pero especialmente para os seareiros das novas tecnoloxías, os xogos, as redes sociais e a Internet. E tamén para os afeccionados á música, posto que o 19 de setembro está prevista unha cita (dentro do programa) no Pub Tropezón para celebrar a quinta edición de Rock no Trope, unha festa aberta para todas as amigas e amigos da comunidade.
Asemade, o 20 de setembro celebrarase no peirao de Mugardos outra actividade a subliñar na axenda, que é Mapeando Mugardos e que, como o seu nome indica, diríxese a achegar aos asistentes coñecementos sobre como ir dándolle forma (ao longo da sesión) a un mapa de balde e libre sobre a contorna. Esta e as restantes actividades contará coa implicación total do Concello de Mugardos, a quen O Zulo agradece o seu compromiso e colaboración na organización conxunta do Kernel 2015, “unha cita sen arela de lucro e a través da cal os membros da comunidade non reciben ningunha achega económica polo seu traballo”.

PUBLICIDADE