A comunidade de COGAMI tira proveito dos móbiles para compartir incidencias de accesibilidade

xoves, 19 de decembro do 2019 Fernando Sarasketa

Estes días estase a estender pola nosa terra unha aplicación de participación cidadá directamente encamiñada a facilitar a accesibilidade nos espazos urbanos: permítenos xeolocalizar atrancos para o tránsito de persoas con mobilidade reducida, compartilos, ingresalos nunha base de datos e, polo tanto, contribuír ao seu arranxo. A ferramenta #AccesibilidadAPP, está a ser empregada polas usuarias e usuarios da confederación COGAMI, en primeira instancia a través de obradoiros formativos e, tamén, mediante traballos prácticos de campo (por exemplo o que se levou a cabo estes días en Silleda, vila onde se recolleron e visualizaron, grazas á ferramenta, até 30 incidencias de accesibilidade).

Un dos obradoiros nos que se mostra como tirar proveito da aplicación móbil

Estas xeiras de traballo de COGAMI están destinadas a familiarizar á súa comunidade cos usos e vantaxes da aplicación, co fin de recoller e rexistrar os atrancos que poidan existir en rúas, edificios, infraestruturas e transporte.
Financiada por COCEMFE a través dos fondos que chegan do IRPF (marcando o recadro de “Fins Sociais”), esta aplicación é unha das ferramentas que está dentro do programa Crea Autonomía.
Como dixemos, os días pasados levouse a cabo unha sesión práctica en Silleda co fin de familiarizar aos usuarios coas potencialidades da app. Na dita xeira de traballo as persoas usuarias do centro de recursos que COGAMI ten en Medelo estiveron percorrendo as rúas do concello pontevedrés para comprobar o funcionamento de #AccesibilidadAPP. No tempo en que se activou a ferramenta, aproximadamente unha hora, recolléronse máis de 30 puntos inaccesíbeis para as persoas con mobilidade reducida (rebaixes mal feitos, carencia de ramplas, beirarrúas en mal estado, etc), unhas incidencias que se subiron á app para deixar constancia das mesmas.
Esta aplicación, que forma parte dun proxecto que financia COCEMFE en colaboración con Fundación Vodafone España, pode descargarse de balde para móbiles con sistemas Android.

PUBLICIDADE