A cobertura da TDT segue a ser deficiente no Barbanza

venres, 3 de xullo do 2009 Marcus Fernández

As campañas informativas instan aos cidadáns a adaptar as súas antenas e receptores, pero de pouco serve se non melloran as coberturas da TDT

Pese a que durante estes días debería ter chegado o apagamento analóxico á televisión de Carnota, Lousame, Mazaricos, Muros, Noia, Outes e Porto do Son (que reciben o sinal de Santiago de Compostela) por estar incluídos na primeira fase do Plan Nacional de Transición á TDT, a cobertura da Televisión Dixital Terrestre continúa a ser moi deficiente no Barbanza, o que resulta especialmente grave no caso de Mazaricos, concello no que só o 48% dos fogares teñen a posibilidade de acceder ao sinal dixital a día de hoxe.
Estímase que máis de 6.000 veciños do Barbanza (preto do 20% do total) seguen sen contar con cobertura da TDT nos seus fogares, o que indica claramente que non se fixeron os deberes no espallamento da televisión dixital en Galicia, agardándose que en breve o novo Goberno da Xunta de Galicia anuncie o seu propio plan de acendido dixital para solucionar a situación actual, que deixa a moitos fogares afastados das posibilidades que abre a TDT.

PUBLICIDADE