A canle autonómica de TDT de Popular TV en Galicia comezará a emitir en breve

mércores, 17 de decembro do 2008 Marcus Fernández

O director xeral de Popular TV Galicia, Rafael Ramos, asegurou nunha entrevista publicada na web do Clúster Audiovisual Galego que a súa canle de televisión dixital terrestre de ámbito autonómico comezará a emitir en breve, detallando que «vimos de terminar a adecuación da nova sede e este mes empezaremos a instalación do equipo técnico (..) e imos empezar polo equipamento de continuidade de maneira que podamos estar emitindo canto antes».
Tamén asegura que a súa programación estará diferenciada do sinal nacional de Popular TV, pretendendo facer 4 horas diarias de programación galega, aínda que non decidiron aínda que porcentaxe da mesma será de produción propia e cal corresponderá a material adquirido a produtoras galegas.
Resulta interesante cómo Ramos defende a aposta de expansión descentralizada da cadea, con desconexións informativas para facer televisión de proximidade sendo conscientes de que «ninguén quere 24 horas ao día de proximidade porque non existe tanto contido local interesante» e cualificou o seu proxecto televisivo como unha «carreira de fondo onde o máis importante é aguantar ata o ano 2010 en que se producirá o apagamento analóxico» o que non estarían a conseguir algunhas das principais competidoras de Popular TV, coma eran Punto TV (Vocento) e Localia (Prisa).

PUBLICIDADE