A campaña da CiberIrmandade a prol de Mancomún.org consigue o apoio de milleiros de internautas

venres, 17 de xullo do 2009 Fernando Sarasketa

A campaña en liña posta en marcha pola CiberIrmandade da Fala para recoller apoios a prol da supervivencia do Centro Mancomún segue adiante e a bo ritmo. Segundo informa o dito colectivo, apenas tres xornadas despois de terse presentado a iniciativa (dirixida en última instancia a lograr que a Xunta siga apostando polo software libre e, tamén, polo seu desenvolvemento en galego), xa se teñen contabilizado varios milleiros de participacións, tanto no que atinxe ás lecturas dos datos publicados sobre o tema (o futuro incerto do Centro Mancomún) como á colaboración activa en si mesma no envío masivo de correos individuais aos responsables tecnolóxicos da Xunta.
Correos nos que se lles pide, de xeito respectuoso en clave positiva, a pervivencia do devandito Centro e do traballo que se viña a desenvolver a prol da programación aberta na nosa terra, máis económica para usuarios, institucións e empresas (non se requiren grandes pagos de licenzas) e ao mesmo tempo máis produtiva para nós mesmos, xa que se trata en gran medida de ferramentas feitas dende aquí.
A este gran éxito”, sinala a CiberIrmandade, “están a contribuír as asociacións de software libre galegas máis comprometidas, que comezan a amosar a súa adhesión á iniciativa a través das súas webs, como é o caso de MeLISA ou Agnix, así como unha longa relación de webs de información xeral e especializadas, blogs, prensa dixital e innumerabeis cruces de correos electrónicos”.

PUBLICIDADE