A banda larga en EE.UU. podería xerar 400.000 postos de traballo

mércores, 25 de febreiro do 2009 Raquel Noya

O programa de desenvolvemento da banda larga dos Estados Unidos, para o cal se investirán 7.200 millóns de dólares (desta cantidade, do redor de 3.900 millóns dedicaranse á banda larga fixa e 2.500 á banda larga móbil) “podería chegar a xerar en catro anos uns 400.000 empregos no caso máis optimista”.
Esta é a conclusión á que chegou o profesor Raul Katz, Director de Análise de Estratexia do Columbia Institute of Tele-Information, na última nota de ENTER, Centro para a Análise da Sociedade da Información e as Telecomunicacións do IE Business School.
Este estudo analiza o impacto que o programa de estímulo da banda larga, aprobado a pasada semana, pode ter no emprego e na economía estadounidense e achega os datos tendo en conta dous factores: o despegue da Rede e os efectos colindantes deste despregue.
Por unha banda, está a creación de postos de traballo relacionados co despregue da Rede que, a través dun investimento de 6.400 millóns de dólares entre banda larga fixa e móbil, crearía do redor de 128.000 empregos directos, indirectos e incluídos en catro anos.
Por outro lado, atópanse o chamados “efectos de Rede”, que son aqueles que xeran traballo grazas aos efectos de innovación e atracción de emprego de outras rexións; estes poderían chegar a sumar 273.000 postos de traballo “no caso máis optimista”.
A nota conclúe propoñendo como obxectivo necesario que todo programa de estímulo da banda larga “vaia acompañado de medidas orientadas a capitalizar esta tecnoloxía a través da creación e retención de emprego”.
Asemade, afirma, que “é importante centrarse nas rexións onde a banda larga non acade niveis altos de adopción”.
O documento pode descargarse de balde da páxina web de ENTER.

PUBLICIDADE