A alianza galega Aptic Redes, homologada para as axudas de Red.es en materia cloud

venres, 20 de maio do 2016 Redacción

O Grupo Isonor, compañía galega especializada en consultoría TIC e protección de datos (entre outras liñas de acción tecnolóxicas), vén de informar da homologación como provedoras (a nivel estatal) das firmas integrantes da alianza empresarial Aptic Redes para o Programa de fomento da demanda de solucións de computación na nube para pequenas e medianas empresas, a través de convite público emitido dende a entidade Red.es. A dita UTE (polas súas siglas Unión Temporal de Empresas) está integrada polas compañías tecnolóxicas galegas Advanced Systems Puntobit, Isonor Quality, Ava Solucións Tecnolóxicas, Teimas Desenvolvemento e Cocodin Technology. En base a esta acreditación, serán subministradoras para todo o ámbito estatal dos recursos na nube que acompañen e sosteñan o devandito programa de Red.es.
O programa en cuestión, lembran dende Isonor, ten como obxectivo fomentar a dixitalización e mellorar a competitividade da PEME española adoptando solucións de cloud computing. As axudas para isto, que poderán cubrir até o 80% do investimento, están orientadas a PEME e autónomos, con menos de 250 empregados e un volume de negocio menor de 50 millóns de euros. Estes incentivos, engade a empresa galega, garanten o aforro de custes e máis a accesibilidade dos sistemas de información para emprazar estratexicamente ás empresas coa fórmula da computación na nube. A UTE Aptic Redes está homologada para implantar e aplicar até cinco das solucións que conforman a oferta do programa, e que son: Presenza en Internet, Comercio electrónico, Ferramenta de xestión integral de negocio, ERP; Ferramenta de xestión de clientes, CRM; e ferramenta de xestión económica. O prazo de presentación de solicitudes vai desde o 18 de maio até o 8 de xuño.

PUBLICIDADE