A academia Athenea achega formación especializada sobre GNU/Linux e Android

xoves, 14 de marzo do 2013 Redacción

A academia Athenea, emprazada en Santiago, vai pór ao alcance da comunidade galega de usuarios de novas tecnoloxías unha serie de actividades formativas relacionadas co software libre. Segundo reflicte Mancomún facéndose eco de informacións da propia academia, o prazo para participarmos nestas accións ábrese este venres 15 de marzo, achegándose un total de catro actividades sobre metodoloxías de traballo e recursos abertos en claro proceso de espallamento, tanto a nivel de usuarios como de implicación no tempo. Os temas a tratar son os sistemas libres baseados en GNU/Linux e máis o desenvolvemento de ferramentas para Android (sistema operativo liderado por Google, baseada en Linux e presente xa en oito de cada dez smartphones adquiridos en España entre setembro e decembro do ano pasado).
O prezo dos cursos, engade o centro de estudos santiagués, varía entre os 200 e 300 euros con posibilidade de pagos fraccionados. As persoas interesadas en obter máis información ou inscribirse nos cursos deben contactar co centro de estudos Athenea sito na Rúa Nova de Abaixo, 22. 1º, Santiago de Compostela a través da conta athenea@galicia.com ou nos teléfonos 981 557 367 e 659 109 520.
Estes son os catro cursos que se achegan:
· Curso básico GNU/Linux. Curso de60 horas de duración, dirixido a todo tipo de usuarios. O curso ten por obxectivo introducir aos novos usuarios no uso de sistemas GNU/Linux a través de varias distribucións (Ubuntu, OpenSuse). Comezará o 8 de abril e formaranse 2 grupos dun máximo de 15 persoas.
· Curso avanzado GNU/Linux. Curso de 80 horas de duración, dirixido a a profesionais con coñecementos previos de GNU/Linux. O curso ten por obxectivo achegar ao alumnado os coñecementos avanzados en sistemas operativos UNIX e Linux necesarios para que, ao remate da acción formativa, os asistentes sexan capaces de desenvolverse como especialistas na xestión de sistemas GNU/Linux. Comezará o 8 de abril e formaranse 2 grupos dun máximo de 15 persoas.
· Curso de preparación para a obtención do certificado LPI. Curso de 80 horas de duración, dirixido a todo aquel que desexe obter o certificado LPIC1. O curso ten por obxectivo achegar coñecementos ao alumnado que desexe iniciarse profesionalmente na administración de sistemas operativos GNU/Linux. Comezará o 15 de abril e formaranse 2 grupos dun máximo de 15 persoas.
· Curso Android, desenvolvemento de aplicacións. Curso de 50 horas de duración, dirixido a desenvolvedores e usuarios en xeral con con coñecementos previos de Java que queiran aprender a desenvolver apps Android. O curso ten por obxectivo a aprendizaxe do uso e desenvolvemento de aplicacións para o sistema operativo Android ademais de modelos de negocio aplicados ao mercado móbil.. Comezará o 15 de abril e formaranse 2 grupos dun máximo de 15 persoas.

PUBLICIDADE