A Xunta reitera o seu compromiso cos documentos en estándares abertos

mércores, 30 de marzo do 2011 Redacción

Imaxe publicada en Mancomun.org da xornada celebrada en Vigo

Esta mañá o subdirector xeral de Infraestruturas e Telecomunicacións, Adrián Lence, participou na Xornada Galega do Día da Liberdade de Documentos celebrada na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo, onde falou do Plan de Acción FLOSS 2011 que puxo en marcha a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, destacando que teñen como obxectivo prioritario para o presente ano acadar en Galicia un maior uso do software libre, e de documentos baseados en estándares abertos no ámbito da sociedade da información. Con esta finalidade o Plan, que ten unha dotación de 865.000 euros e contempla máis de 120 actuacións en colaboración coas asociacións galegas de usuarios e empresas de software libre e das tres universidades.
O subdirector xeral destacou a aposta da Xunta de Galicia polos estándares abertos e a compartición de documentación xerada polas administracións públicas e adiantou que este ano traballarase nun proxecto de Reutilización de Información do Sector Público.
A Xunta ten como obxectivo pór en funcionamento no presente ano a primeira versión dun Portal Open Data, útil e doado de manexar, tanto para os usuarios finais como para as unidades que queiran ofrecer os seus datos.

PUBLICIDADE