A Xunta recibe o premio Computer World 2007 polos seus servizos en liña ó cidadán

mércores, 19 de setembro do 2007 Raquel Noya

A Consellaría de Economía e Facenda, concretamente o Centro Informático para a Xestión Tributaria, Económico – Financeira e Contable (CIXTEC), vén de ser galardoada co premio Computer World 2007 pola súa aposta polas novas tecnoloxías no ámbito da Administración Electrónica aplicada sobre todo na área tributaria. Este galardón concreto, que recoñece cada ano o mérito á aplicación das novas ferramentas á prestación de servizos sociais, foille concedido á Xunta polo Proxecto Tecnolóxico do Ano no Sector Público ó introducir melloras na e-Administración que permiten maior achegamento ós cidadáns.
Unha das liñas de actuación primordiais da Consellaría é “a posta en valor das novas tecnoloxías e a súa aplicación e achegamento ós cidadáns”, unha iniciativa na que está a traballar ó longo dos últimos dous anos e que permite o desenvolvemento dun plan de modernización e mellora de servizos orientado a facilitar o acceso á información e ós trámites de carácter administrativo.
Grazas a estas innovacións introducidas, os cidadáns poden realizar os seus trámites burocráticos “dun xeito máis áxil e cómodo”, empregando ferramentas ofrecidas polo servizo en liña da Xunta de Galicia.
Entre os servizos que a Oficina Virtual da Consellería de Economía e Facenda pon ó alcance de todos os cidadáns e dos empregados públicos cómpre salientar os seguintes:
· Confección de declaracións tributarias mediante sistemas de axuda para cada un dos impostos; e presentación telemática das mesmas.
· Valoración de bens.
· Pagamento telemático en tempo real conectando coas entidades financeiras colaboradoras.
· Consulta do estado da tramitación e presentación de recursos.
· Impresión de duplicados de documentos tributarios.
· Obtención de certificados que avalen a realización dos correspondentes pagos á Comunidade Autónoma.
· Consulta e modificación dos datos para levar a cabo as diferentes xestións económicas coa Comunidade galega.
· Servizos telemáticos para empregados públicos.

PUBLICIDADE