A Xunta premia o labor da investigación galega arredor da orixe do universo

mércores, 28 de maio do 2008 Fernando Sarasketa

A investigación sobre as nosas orixes non só achega luz sobre o que somos, senón que tamén subministra claves para enxergar o futuro e mesmo para condicionar o presente de cara a un porvir non tan catastrófico –climática, socialmente- como cumpriría agardar. Sobre isto precisamente, sobre afondar na orixe do universo e na interacción das chamadas partículas elementais apóiase unha boa parte do traballo do doutor Carlos Pajares, recoñecido onte pola Xunta co Premio Galicia de Investigación, certame convocado cada ano co fin de recoñecer o labor científico en Galiza.
O xurado dos galardóns, que foron entregados no Hotel Monumento San Francisco de Santiago nunha gala que contou coa presenza da conselleira de Educación (Laura Sánchez Piñón), tamén salientou cun premio ex aequo o traballo dos doutores Miguel Ángel Correa (doutor en Químicas) e Roberto López Valcarce (doutor enxeñeiro en Telecomunicacións).
O acto final do certame 2008, que xa vai pola súa décima convocatoria, tamén contou coa participación de Salustiano Mato, director xeral de I+D (departamento organizador), entre outros persoeiros do eido científico, institucional e académico galego. Os galardóns 2008, que este ano foron promovidos baixo a modalidade Premios Antonio Casares y Rodrigo de Investigación Científico-Técnica, veñen dotados con 38.000 euros na categoría sénior e con 7.000 na categoría de investigadores mozos.
Na imaxe (de El Correo Gallego), premiados e convocantes xa na recta final de entrega de galardóns.
A orixe do universo
Carlos Pajares Vales (Madrid, 1945) é doutor en Física e catedrático da Universidade de Santiago de Compostela, da que foi reitor entre 1984 e 1990. Destaca o seu traballo investigador no campo das partículas elementais e é recoñecido internacionalmente o valor das súas achegas no campo das interaccións partícula-núcleo e materia a alta densidade. Carlos Pajares centrou a súa investigación na orixe do universo e en como reproducir experimentalmente este fenómeno mediante aceleradores. Foi o primeiro decano da Facultade de Física da Universidade de Santiago así como o responsable de formar o Departamento de Física de Partículas Elementais. O grupo de investigación de materia de alta densidade co que traballa na actualidade está considerado como un dos máis destacados deste campo.
Resultados de investigacións de Carlos Pajares, como o teorema self-shadowing , a absorción da partícula J en núcleos e as interaccións de campos de color correspondentes a diversas fontes formando a percolación de cordas, tiveron unha ampla difusión e o recoñecemento internacional a través dos traballos publicados en diversos países.
O novo Premio Galicia de Investigación é autor de máis de 130 artigos de investigación publicados nas mellores revistas especializadas, así como doutros 45 artigos como resultado de conferencias e congresos. Publicou ademais os libros Interacción a las interacciones fuertes e Relativistic Nuclear Interactions.
Carlos Pajares é membro de diversas comisións e comités científicos. Foi vicepresidente da Real Sociedade Española de Física, asesor da Unión Europea sobre plans de estudo de Física, membro do comité científico Outreach do Centro Europeo de Partículas Elementais. Formou parte ademais dos consellos asesores da Enciclopedia Galega, da Revista Galega do Ensino e da Revista Española de Física, así como da sección de Ciencia e Sociedade do Consello da Cultura de Galicia.
O Premio Galicia de Investigación únese a outros recoñecementos recibidos con anterioridade: foi nomeado Cabaleiro da Orde das Palmas Académicas, distinción concedida polo goberno francés, e recibiu o Premio Xunta de Galicia de Divulgación Científica en 1994 e a Medalla de Ouro da Real Sociedade Española de Física en 2000.
Nanotecnoloxía e telecomunicacións
Na categoría de investigador mozo, o xurado decidiu conceder o Premio ex aequo a Miguel Ángel Correa e a Roberto López Valcarce debido á excelencia demostrada polos dous candidatos, o primeiro na investigación en nanotecnoloxía e o segundo polo seu traballo no campo das telecomunicacións.
Miguel Ángel Correa (1971) licenciouse en Ciencias Químicas na Universidade de Santiago de Compostela en 1997 e doutorouse na mesma especialidade na Universidade de Vigo en 2002. Como investigador centra o seu traballo no campo da nanotecnoloxía, concretamente no desenvolvemento de novos materiais multifuncionais para aplicacións en diferentes sectores.
Miguel Ángel Correa realizou estadías en centros de investigación de Estados Unidos e Alemaña. Actualmente é investigador principal do proxecto “Funcionalización de nanotubos de carbono para aplicacións como biosensores e microrreactores”, financiado pola Xunta de Galicia. Publicou 30 artigos en revistas especializadas e no último ano foi censor científico de máis de sesenta traballos en publicacións internacionais.
Pola súa banda, Roberto López Valcarce (Ponferrada, 1971) é doutor enxeñeiro de Telecomunicacións da Universidade de Vigo, na que exerce como profesor contratado desde 2006, formando parte do Departamento de Teoría do Sinal e Comunicacións. O seu traballo investigador desenvólvese na área do procesado da sinal, principalmente na súa aplicación ás comunicacións dixitais e na eliminación das distorsións producidas en procesos de transmisión.
Especializouse no campo da transmisión de sinal nun máster realizado na Universidade de Iowa (Estados Unidos), na que tamén se doutorou no ano 2000 e exerceu como investigador e profesor axudante.
No ano 2005 un artigo publicado nunha revista especializada da área das telecomunicacións, foi recoñecido como o mellor artigo publicado sobre procesado de sinal polo IEEE (Institute of Electronic and Electric Engineers). Publicou preto de 30 artigos máis e participou no libro Comunicaciones Digitales (Pearson Educación, 2007).

PUBLICIDADE