A Xunta pon en marcha dous ambiciosos portais para consolidar o audiovisual galego

mércores, 13 de febreiro do 2008 Fernando Sarasketa

O director xeral de Comunicación Audiovisual, Manuel José Fernández Iglesias, presentou o proxecto Cine Galego na Rede

En Galicia, faltaba facer algo verdadeiramente serio a prol da promoción do audiovisual”. Deste xeito, marcando un antes e un despois cunha liña ben visible, é como a Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual vén de presentar o seu novo proxecto vinculado á Rede, a páxina web Cinegalego.es, un espazo encamiñado a difundir e promover pezas galegas e (en virtude disto) achegarlles segundas, terceiras ou cuartas “vidas” nos mercados internacionais.
Esta iniciativa, que se acompaña do portal www.audiovisualdegalicia.es (que inclúe toda a información que vén doutros portais sobre o cinema, as series e a televisión que se están a facer na nosa terra), foi presentada este mércores polo director xeral do dito departamento da Xunta, Manuel Xosé Fernández Iglesias.
Ó xuízo de Fernández Iglesias, este que vivimos é o intre axeitado para pór en marcha recursos web desta índole, posto que estamos a poucos meses de que xurdan máis de 40 canles de televisión privada que van precisar material en galego. Sinalar que ámbalas dúas ferramentas, que constitúen a chamada “Plataforma Integral de Servizos Audiovisuais na Rede”, servirán como instrumento e/ou espazo de traballo común para a Xunta, as produtoras, o Consorcio Audiovisual, a Televisión de Galicia e outras entidades. A idea da Dirección Xeral é ter un punto de encontro único que exerza de plataforma de presentación e divulgación no eido internacional das obras galegas. Asemade, búscase sentar os alicerces para a dixitalización da produción audiovisual da nosa terra, afacéndoa ás novas canles de achega de contidos que se imporán como únicas logo do apagón dixital.

PUBLICIDADE