A Xunta e a FEGAMP colaboran na extensión da Administración electrónica

luns, 19 de novembro do 2018 Redacción

A Xunta de Galicia e a Federación Galega de Municipios e Provincias colaboran na extensión da Administración dixital aos concellos poñendo a súa disposición o catálogo de servizos dixitais da Xunta segundo recolle un convenio asinado recentemente entre o vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, o presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias, Alfredo García, e a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereira.
A sinatura deste acordo dá continuidade á colaboración que estas entidades veñen mantendo desde o ano 2010 para facilitar a dixitalización dos municipios, poñendo a súa disposición un catálogo de servizos dixitais que se ten ido ampliando nestes anos. Os concellos interesados en empregar as solucións da Xunta asinan un acordo de adhesión a través da Fegamp para poder empregalas. O catálogo de servizos dixitais está dispoñible no portal Eido Local, no que se actualizan as novas incorporacións e se ofrece información detallada de cada un deles.

Servizos

O catálogo ofrece un amplo abano de servizo dixitais que abarcan desde os servizos máis básico como as comunicacións ou rexistros a aqueles que esixen as leis 30 e 40/2015 para garantir unha Administración integramente dixital como poden ser a interoperabilidade, a través da Plataforma Pasaxe!, as notificacións electrónicas a través de notifica.gal ou relativos á contratación como a Plataforma de Contratos Públicos de Galicia, os Sistemas de Licitación Electrónica e de Facturación.

Integración progresiva

O catálogo de servizos dixitais da Xunta está a facilitar a dixitalización progresiva das entidades locais. No último ano duplicouse o número de concellos que accede plataforma de Contratos de Galicia e un 78% os concellos do espazo de transparencia. O uso das notificacións electrónicas, a través do sistema notifica.gal da Xunta creceu un 34% entre outubro de 2017 e outubro de 2018.
O Catálogo de Servizos Dixitais é unha das iniciativas do Plan de Administración de Goberno Dixital 2020 dentro da aposta da Xunta pola interoperabilidade e a reutilización das plataformas e recursos dixitais, entre os tres niveis administrativos. Para facilitar a prestación conxunta de servizos dixitais, o anteproxecto de lei de Administración dixital de Galicia, en tramitación, prevé a creación dunha Comisión de coordinación interadministracións.

Grao de implantación da dixitalización

O último informe sobre Administración electrónica nos concellos galegos, do Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), adscrito AMTEGA sinala que o 79,3% dos concellos galegos que dispoñen dun sitio web contan con sede electrónica, o que supón un incremento do 49,9% nos últimos dous anos.
Tres de cada catro concellos con sede electrónica contan con rexistro electrónico, mentres que o procedemento que conta cunha menor implantación na sede electrónica dos concellos é o Pago electrónico: tributos, multas, etc..
O Rexistro de documentos e a Solicitude e obtención de certificados son os procedementos máis tramitados pola cidadanía dentro dos niveis máis avanzados de interacción. Ademais, o 27,7% de concellos galegos contan cun catálogo de procedementos dispoñible a través de Internet, sendo especialmente significativo entre os concellos con máis de 50.000 habitantes ( 57,1%).

PUBLICIDADE