A Xunta dá luz verde ao novo Plan de Investigación, Innovación e Crecemento 2011-2015

xoves, 23 de decembro do 2010 Redacción

O Consello da Xunta deu hoxe o seu visto e prace ao novo Plan de Investigación, Innovación e Crecemento 2011-2015 elaborado pola Consellería de Economía e Industria que, dotado cun orzamento inicial para o vindeiro ano de 192 millóns de euros e co compromiso de que no 2012 e sucesivos anos en ningún caso se establezan contías inferiores, ten o obxectivo de impulsar a competitividade da economía galega nun ámbito global e innovador para acadar uns niveis de produtividade que contribúan ao crecemento de Galicia e garantan un modelo social baseado no coñecemento e no benestar.
Engarzado co Plan Estratéxico de Galicia e conectado coa estratexia da UE de acadar un investimento do 3% do PIB neste eido no 2020, o novo Plan Galego reflicte unha clara e contundente aposta da Xunta pola investigación e a innovación, ademais de instaurar un cambio de modelo que pasa por extremar a eficacia dos investimentos, cunha xestión onde se extremen os mecanismos de control dos recursos públicos de cara a garantir o retorno dos investimentos e a súa capacidade para xerar riqueza.
A prioridade establecida no Plan para a nova política de I+D+i da Xunta é dispor os recursos necesarios e promover as relacións necesarias para que o coñecemento xerado polos axentes do Sistema Galego de Investigación e Innovación sexa posto en valor -en termos económicos- polos propios axentes en primeiro termo, solucionando así unha eiva importante das políticas asociadas ao Plan que agora remata a súa vixencia.
O novo Plan Galego de Investigación, Innovación e Crecemento resolverá, en primeiro lugar, os problemas derivados dunha escasa atención á creación de valor e á explotación económica dos resultados da investigación. Mediante liñas de actuación especificamente dirixidas á empresa darase soporte ao aumento da competitividade económica con base na innovación, e no que se refire ao sistema público de I+D+i, o acento porase na optimización da transferencia de resultados da I+D ao sector produtivo, o que reverterá directamente no aumento dos seus recursos propios para continuar o seu labor científico.
Por este motivo, respondendo ao obxectivo de acelerar a transición ata un modelo económico baseado na xeración de coñecemento, o Plan reflicte que a formación de recursos humanos constitúe un dos activos prioritarios na tarefa da transferencia de resultados para gañar en competitividade, e mantense unha aposta sen fisuras pola formación de profesionais en todas as etapas capaces de involucrarse na creación de valor e mais no fornecemento dun modelo sustentable para a I+D+i galega a través de liñas de actuación para a xestión do talento e a consolidación de grupos de referencia para que o investimento público reverta en crecemento empresarial baseado no coñecemento transferido para producir innovación.
Hai que destacar que o novo Plan, na procura irrenunciable de avanzar e impulsar as sinerxías entre os axentes do Sistema Galego de I+D+i recolle o apoio a proxectos singulares en tres campos de coñecemento con especial proxección desde o ámbito universitario galego, como son as tecnoloxías e as ciencias da vida, centrado na potencialidade investigadora concentrada no Campus Vida da USC; as ciencias do Mar, relacionado co potencial do Campus do Mar liderado pola Universidade de Vigo; e a ciencia e tecnoloxía forestal, dada a súa importancia para Galicia.
Ademais, a estratexia non esquece, no ámbito da innovación empresarial, os programas sectoriais que definen as áreas de coñecemento e competitividade en que Galicia ten un maior potencial (saúde, alimentación, agricultura, pesca e biotecnoloxía, TIC, nanociencias, nanotecoloxías, materiais e novas tecnoloxías de produción, enerxía, ambiente, transporte, seguridade, ciencias socioeconómicas e humanidades, turismo, e construción e enxeñaría civil).
O documento aprobado hoxe polo Consello da Xunta recolle tamén como elemento diferenciador co anterior plan a avaliación continua de resultados a todos os niveis, con mecanismos de control e sistematización dos seus resultados para valorar a súa repercusión no sistema galego de I+D+i co obxectivo de converter o plan nunha ferramenta práctica e dinámica para garantir a flexibilidade e capacidade de reacción necesarias nun contexto exixente.

PUBLICIDADE