A Xunta aproba axudas de 15 millóns de euros para espallar a banda larga no rural galego

mércores, 20 de abril do 2011 Redacción

Unha orde de axuda, en réxime de concorrencia competitiva, aprobada hoxe no Consello da Xunta e que será publicada nos vindeiros días no Diario Oficial de Galicia (DOG) recolle que a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica concederá, conforme o previsto no Plan de Banda Larga 2010-2013, axudas de 15.290.000 euros para a creación de novas redes de acceso á banda larga na contorna rural de Galicia.
As axudas previstas estarán destinadas ao despregamento de redes de acceso de banda larga en 11.000 núcleos do rural galego, situados nas denominadas zonas brancas, é dicir, que non teñen acceso á mesma nin previsión de telo. Estas achegas, co financiadas nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), realizaranse co compromiso de despregar a totalidade da rede antes do remate do ano 2013. Esta subvención supón un máximo do 40% investimento preciso para esta actuación.
Con esta actuación, da que se beneficiarán máis de 250.000 habitantes que a día de hoxe non dispoñen de cobertura, búscase suprimir a fenda dixital que afecta o rural galego complementando o alcance dos despregamentos postos en marcha a través do Plan de Banda Larga durante o 2010.
A Xunta de Galicia aproba esta convocatoria de axudas tan só unhas semanas despois de que o Goberno do Estado aprobara o Real Decreto 458/2011 sobre actuacións en materia do espectro radioeléctrico para o desenvolvemento da sociedade dixital, que autoriza, entre outras cousas, o refarming na banda 900 Mhz, inicialmente asignada para a tecnoloxía GSM, o que impedía dar servizos 3G nesta banda. Esta medida posibilitará o impulso as comunicacións de banda larga en mobilidade e amplía o abano de posibilidades tecnolóxicas que os interesados poderán ofertar para a extensión da banda larga nas zonas máis rurais de Galicia.

Declaracións do presidente

Tras o Consello da Xunta, o presidente Alberto Núñez Feijoo avanzou en rolda de prensa a concesión de axudas de 15 millóns de euros que permitirán «a 11.000 núcleos do rural galego, 250.000 galegos, ter acceso a Internet», conforme ao previsto no Plan de Banda Larga 2010-2013.
Feijoo explicou que o obxectivo pasa por «acabar coas denominadas zonas brancas», que carecen de acceso a Internet e de previsión de telo, para cumprir coa «Axenda Dixital 2014.gal e que no ano 2013 se teña cobertura de internet no territorio» galego.
Así, segundo explicou o titular do executivo galego, «vanse cumprindo os obxectivos» de tal xeito que, se «no ano 2009 tiña acceso a internet o 70% da poboación, no ano 2013 a cifra será do 83,6%», quedando pendente un 6% de poboación que dependerá da tecnoloxía satelital, cuxa elección depende do Ministerio de Industria.

PUBLICIDADE