A Universidade de Vigo traballará en tecnoloxía aeroespacial cos investigadores da capital rusa do Espazo

mércores, 9 de maio do 2012 Fernando Sarasketa

O reitor Salustiano Mato reuniuse con Ilya Kudryavtsev (ambos no centro) xunto con Fernando Aguado (esquerda) e José Antonio Vilán (dereita)

A Universidade de Vigo, xa cunha experiencia no ámbito espacial (grazas ao picosatélite XaTcobeo, no que traballou un bo número de especialistas da Escola de Enxeñaría de Telecomunicacións), vai ampliar a súa experiencia en órbita establecendo relacións de colaboración e traballo conxunto co país que, xunto cos Estados Unidos, máis viaxes e investigacións alén do noso ceo atesoura: Rusia. Segundo informa na súa web a institución galega, a colaboración terá un dos seus piares en Samara, cidade que acolle a Samara State Aeroespace University e de onde procede Ilya Kudryavtserv, decano da Facultade de Enxeñaría de Radio, que está estes días de visita en Vigo. A finalidade da visita: establecer colaboración cos investigadores de GENSO, a nova rede mundial de satélites non comerciais en bandas libres da que a Universidade de Vigo foi elixida como centro de actividade europeo.
Segundo se fai saber, a presenza na nosa terra de Kudryavtserv “abre a porta ao traballo conxunto para o intercambio de alumnado e profesorado, á participación conxunta en proxectos de investigación e do Sétimo Programa Marco e mesmo á futura implantación dun dobre diploma en estudos de mestrado”. Do mesmo xeito os investigadores rusos terán a oportunidade de tirar partido da experiencia da rede GENSO co fin de recibir datos telemétricos de diferentes estacións que están polo mundo. Asemade, terán oportunidade de beneficiarse da experiencia do proxecto XaTcobeo, ao que Kudryavtserv cualificou estes días de “moi importante”, xa que “amosa as virtudes de traballo en común de estudantes e especialistas e tamén entre países”.
E continuou, ao fío das expectativas xeradas a raíz desta colaboración galego-rusa: “Agardo que a colaboración coa Universidade de Vigo en educación e ciencia sexa un éxito e que nun futuro nos permita ter diplomas dobres que serían moi interesantes para ambas universidades en cuestión referidas a nanosatélites, microsatélites e espazo en xeral”.
O intercambio de alumnado e profesorado entre ambas universidades, agarda o decano que sexa “o inicio do camiño dun futuro en común” entre as universidades de Vigo e Samara nun século XXI no que a ciencia considera que debe ser internacional por definición.

PUBLICIDADE