A Universidade de Vigo presenta un curso de aprendizaxe 2.0 para docentes

martes, 17 de novembro do 2009 Fernando Sarasketa

A tecnoloxía, con maiores ou menores diferenzas, xa está ao noso alcance. Agora é o intre de tirarlle partido e de transformar, fondamente, o noso xeito de comunicármonos, traballar ou recibir información. Isto que é aplicable a vida de case calquera, éo tamén ao eido educacional. Co obxectivo de sacar o máximo rendemento do dixital e, dentro disto, do máis participativo, a Universidade de Vigo vai desenvolver un curso dirixido aos docentes onde se avaliarán en detalle as posibilidades das redes 2.0 na promoción da aprendizaxe cooperativa nas aulas.
A iniciativa, coñecida como Aplicacións Educativas na Web 2.0, conta con Pedro Cuesta en labores de divulgación. O curso está organizado pola Vicerreitoría de Formación e Innovación Educativa e desenvolverase durante os días 23, 25, 27 e 30 de novembro en horario de 10.00 a 14.00 horas, na aula informática da Casa das Campás.
Alén do estritamente xenérico, a finalidade concreta da iniciativa é familiarizar aos profesores co uso de ferramentas de Google (Groups, Talk, Calendar ou Docs), o soporte para presentacións Slideshare, marcadores sociais como Mister-Wong ou redes sociais como Xing. Estas e outras ferramentas, indican os responsables do dito curso, teñen en común a súa capacidade (en virtude da nosa participación, por suposto) para permitir unha boa parte do traballo educativo sen baixarnos do carro virtual.

PUBLICIDADE