A Universidade de Vigo lanza a WebTV do Campus do Mar

xoves, 7 de outubro do 2010 Raquel Noya

O Campus do Mar xestado na Universidade de Vigo segue a sumar apoios con cada unha das actividades que leva a cabo para darse a coñecer entre alumnos e visitantes. As dúas últimas iniciativas: a posta en marcha do concurso Marine Inova 2010, (o primeiro galardón sobre innovación tecnolóxica aplicada ao medio mariño dirixido ao alumnado universitario) e o lanzamento dunha WebTV de seu son unha mostra indiscutible delo e confirman que esta aposta da entidade académica está a resultar un éxito.
O lanzamento da WebTV do Campus do Mar terá lugar, en concreto, mañá venres ás 16:00 horas na sala de videoconferencia da ETSE de Telecomunicación e a ela, entre outras personalidades, asistirán a vicerrectora de Investigación, Asunción Longo; Emilio Fernández, comisionado do Campus do Mar; Nuria González Prelcic, responsable de AtlantTIC, Research Center on Information and Communication Technologies, e Vicente Goyanes, coordinador de UvigoTV.
A Conferencia inaugural da WebTV do Campus do Mar virá da man da profesora Milica Syojanovic, Associate Professor at Northeastern University e Visiting Scientis at Massachusetts Institute of Technology (MIT) e Wood Hole Oceanographic Institution.
Esta impartirá a presentación en inglés, co título Underwater Wireless (Acoustic) Communications, e poderá seguirse, ben dende a sala de videoconferencia da ETSE de Telecomunicación da Universidade de Vigo ou en directo a través da webTV do Campus do Mar, desde a que se poderá interactuar coa conferenciante a través dun canal chat.
O reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, na imaxe, considera que Campus do Mar é a única proposta "que se pode definir como universidade do mar".

PUBLICIDADE