A Universidade de Santiago captou 69 millóns de euros para a posta en marcha de actividades de I+D

martes, 2 de xuño do 2009 Fernando Sarasketa

A Universidade vén de facer reconto do acadado en 2008 en todos aqueles departamentos e escenarios que non son propiamente aulas pero que ocupan os mesmos espazos físicos e fican en permanente diálogo coas mesmas. Ou sexa: estamos a falar do amplo abano de espazos para a investigación despregado pola USC, fonte de mellora para o propio sistema educativo dos campus e, tamén, para a sociedade enteira na que se insiren. Segundo informou hoxe mesmo a USC nun encontro cos medios, ao longo de 2008 foi quen de captar un total de 68,40 millóns de euros de recursos externos para o desenvolvemento de actividades de I+D. As achegas, por certo, procederon de moi variadas fontes: a europea, a estatal e a autonómica, así como as que entraron en xogo a través de proxectos baixo contrato con administracións, empresas e entidades e os servizos técnicos e asesorías.
Estas e outras cifras, desvelou o reitor Senén Barro durante a presentación dos datos, sitúan á USC entre as primeiras do Estado en capacidade investigadora. Máis polo miúdo, subliñou, o Informe 2008 da Fundación CyD certifícaa como a segunda institución educativa superior do estado cunha maior calidade neste eido. Barro tamén fixo fincapé no porqué desta capacidade de atracción de recursos: ao seu xuízo, ese potencial está en conexión directa co capital humano da USC, un equipo de máis de 1.800 investigadores activos en proxectos de I+D e máis de mil bolseiros e contratados.
Polo que respecta ao potencial concreto das diferentes áreas postas en xogo como antenas receptoras de apoios, dicir que as máis activas neste senso foron as de Física de Partículas, Ciencias e Tecnoloxías Químicas e Matemáticas ao captar preto de catro millóns de euros. Isto polo que atinxe aos recursos nacionais, sendo os eidos máis dinámicos en cuestións dos autonómicos o Xeral de Investigación (3 millóns de euros), Biomedicina e Ciencias da Saúde (0,9 millóns de euros) e Medio Rural (0,55).
No que atinxe á actividade no rexistro de patentes, sinalar que a Universidade de Santiago segue a dar bos sinais de saúde: segundo informes da Rede OTRI e o CyD, a Universidade de Santiago atópase entre o sexto e o sétimo posto en canto a solicitudes de patentes e no 4º atendendo ás peticións de alcance internacional. Segundo puxo de manifesto Barro, no pasado ano a USC tramitou 35 comunicacións de invención e 24 solicitudes de patentes. Nese mesmo ano, a carteira activa de casos de patentes ascendía a 176, con 32 casos activos que inclúen patentes internacionais.
De entre os datos dados a coñecer hoxe pola USC, tamén cómpre salientar o esforzo despregado en materia de aplicación das novas tecnoloxías ao espazo social e económico no que se insiren os seus campus: entre os anos 2003 e o 2008 a USC sentou os alicerces dunha media anual de entre 3 e 4 empresas baseadas no coñecemento.

PUBLICIDADE