A USC achega unha aplicación móbil para axudarnos a deixar de fumar
xoves, 16 de setembro do 2021
- Mozas no campus nunha imaxe de Santi Alvite
A
Unidade
de Tabaquismo e Trastornos Aditivos da Universidade de Santiago
achegou unha aplicación móbil e unha plataforma en liña para
axudar aos fumadores a deixar o seu hábito, co engadido e coa
comodidade de poder facelo dende as súas casas, coa axuda e
asesoramento dun terapeuta. O Programa para Deixar de Fumar é de
balde e lévase a cabo en formato grupal. Para participar, as persoas
interesadas deben formalizar a súa inscrición e dispor dun
dispositivo electrónico con conexión a Internet (tableta,
computador ou teléfono móbil).
O
devandito programa de tratamento consta de oito sesións que se
desenvolven a través da plataforma en liña, unha vez á semana,
cunha hora de duración. Semana a semana, as persoas participantes
farán unha redución gradual da cantidade de nicotina que consumen,
establecendo cada sete días o número de cigarros que poden fumar
diariamente.
Como
dixemos, outro dos elementos clave da iniciativa é unha aplicación,
“deseñada especificamente para este programa e para axudar aos
participantes en todo o seu proceso”, explican dende a Unidade da
USC, dirixida polo catedrático da USC Elisardo Becoña Iglesias e
coordinada pola profesora Ana López Durán.
Antes
de comezar o programa, ás persoas interesadas en participar
faráselles unha entrevista e unha avaliación, co obxectivo de
coñecer cada caso en particular e adaptar o tratamento ao mesmo. Ao
finalizar o programa, “seguiremos en contacto ao longo dun ano,
para seguir o seu estado, achegarlles se o precisan e solucionarlles
posíbeis dúbidas e problemas que lle poidan ir xurdindo co tempo”,
explican. Pode obterse información máis detallada deste tratamento
no teléfono 881 81 39 39, a través do enderezo electrónico
elisardo.becona@usc.es ou ana.lopez@usc.es