A UVigo achega un curso para descubrir o engrenaxe do gran descoñecido Big Data

mércores, 12 de febreiro do 2014 Redacción

Marcos Carbonell (Vitae Digital), o formador Antonio Soto (SolidQ) e o profesor Ignacio ArmestoExisten empregos intocabéis para a crise? Segundo algúns expertos a profesión de científico de datos é unha das chamadas profesións de futuro no eido das TIC, a cal se estima que creará 4,4 millóns de empregos nos vindeiros dous anos a nivel mundial. Programas como Hadoop permiten facer un tratamento avanzado da información, unha tecnoloxía que empregan empresas como Google para extraer información útil de entre a enorme cantidade de datos que recompilan, unha inxente información que se denomina Big Data. Tomando boa nota disto, a Universidade de Vigo está a desenvolver -en colaboración coa empresa Vitae Consultores- un curso pioneiro encamiñado a estudantes e profesionais para achegarse a este eido, que se imparte por primeira vez en Vigo.
A súa novidade fixo que se cubrisen todas as prazas e 27 profesores, investigadores (entre dous estranxeiros do proxecto GreenIT) e profesionais de empresas comezaron a docencia o pasado venres. Dicir que as clases estenderanse até o vindeiro 22 de febreiro na Escola de Enxeñaría Industrial impartidas por expertos da empresa SolidQ.
E que se atoparán os asistentes deste curso? Pois poderán aprender a usar Hadoop para integrar solucións para grandes volumes de datos e coñecerán as habilidades de traballo para o desenvolvemento de solucións destes grandes volumes. Poderán entender que é Big Data e os seus problemas, instalar e configurar Hindsight, HDFS e MAP/Reduce, algoritmos de datos, etc.
A organización limitou a matrícula a aquelas persoas que teñan xa certos coñecementos e experiencia previa en bases de datos, minaría de datos ou ben Business Intelligence. En definitiva: as ferramentas para procesar, cribar e aproveitar esa cantidade de información recollida baixo o nome de Big Data serán as que nestes días coñezan os asistentes a este curso, mellorando a súa formación e abrindo novas fronteiras na súa inserción laboral, xa que as empresas demanda xa profesionais que lles axuden a extraer a información que se agocha nese Big Data.
Para poñernos un pouco en contexto, a que nos referimos con iso de Big Data? Pois ben, o volume de datos que as empresas ou as institucións manexan está en constante crecemento e Big Data é o termo empregado para designar a estes conxuntos de datos que superan a capacidade do software habitual para seren capturados, xestionados e procesados, e os tamaños de Big Data están suxeitos a un aumento progresivo. Os expertos sinalan que o sector financeiro, o das infraestruturas e o público (en especial o sanitario), son os que máis recorren a Big Data para xestionar a información. Nun informe elaborado por IDC sostense que o uso de Big Data nas empresas españolas medrará un 304% nos dous vindeiros anos. Hai menos dun ano, a consultora Gartner estimaba que Big Data creará 4,4 millóns de empregos nos vindeiros dous anos a nivel mundial, e que 1,2 millóns serán en Europa Occidental. E é que as empresas empresas empregan Big Data para obter resultados centrados no cliente, aproveitar os datos internos e crear un mellor ecosistema de información.

PUBLICIDADE