A USC promove a creación dun Centro de Produción e Experimentación en Contidos Dixitais

xoves, 22 de outubro do 2009 Raquel Noya

De esquerda a dereita (foto de Santi Alvite), Pose, Barro e Muriel

A entidade pública Red.es, dependente da Secretaría de Estado de Telecomunicacións e para a Sociedade da Información, en colaboración coa Conferencia de Reitores de Universidades Españolas (CRUE) e a Universidade de Santiago de Compostela (USC), veñen de presentar o proxecto de creación dun Centro de Produción e Experimentación en Contidos Dixitais en Galicia, que entre outras cousas, funcionará como unha unidade transversal de formación de profesionais en contidos dixitais.
Este Centro, que terá a súa sede en Santiago de Compostela, estará composto por varias unidades diferenciadas orientadas á produción de contidos audiovisuais, á produción e experimentación 3D, aos videoxogos é á postproducción, así como ao almacenamento e á difusión de contidos dixitais.
O proxecto, que está dotado cun orzamento de 1.150.000 euros, forma parte do programa Profesionais Dixitais que se está a desenvolver nun total de 21 universidades públicas españolas, entre as que se atopa a USC, entidade académica que aporta o 30 por cento do capital investido neste Centro.
O principal obxectivo deste proxecto vai ser, en resumidas contas, a formación de novos profesionais do sector dixital no noso país, para o que se levarán a cabo distintos cursos especializados, entre outras cousas, na creación de contidos dixitais, na realidade virtual, na realidade aumentada, nos efectos especiais para audiovisual e para animación 3D e videoxogos, no tracking de cámaras para escenarios virtuais, nas técnicas de intelixencia artificial para animación e no deseño de videoxogos.
Porén o CEPECD tamén perseguirá outros fins, tales como a innovación na produción de contidos dixitais e a experimentación con estes mesmos contidos, para logo aplicar os resultados ao traballo nos sectores multimedia e audiovisual.
Por outra banda, este organismo tamén colaborará no desenvolvemento do proxecto do Parque Científico e Tecnolóxico de Santiago e levará a cabo accións conxuntas de colaboración co Sector Audiovisual Galego a través da Plataforma Tecnolóxica Galega do Audiovisual (i+dea) e da Plataforma Tecnolóxica Galega das TIC (Vindeira).
Nesta primeira fase, o Centro xa recibiu o apoio explícito de diferentes empresas consideradas “futuras receptoras dos novos profesionais en Contidos Dixitais”, coas que se desenvolverán, segundo afirman os seus responsables, “distintas accións formativas”.
Algunhas destas empresas son Bren Entertainment, Axencia EFE, Blusens, Fynet-Netx Knowledge Factory, Filmax Animation, Continental, Ficción Producciones, Alia 3D, Tecnocom, Clúster Audiovisual de Galicia, 2 Mares de Mil, R Cable e Telecomunicacións ou a Corporación Radio Televisión Galicia, entre outras.

PUBLICIDADE