A UDC e Minsat colaborarán no ámbito da intelixencia artificial

martes, 25 de abril do 2023 Redacción

O reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, asinou esta mañá un convenio de colaboración co director Global de Cloud, Javier Muñoz Lagarón e o director Global de Administracións Públicas, Luis Fernández Hernando, da empresa Minsait, filial de Indra, co obxectivo principal de fomentar accións de formación e transferencia tecnolóxica no sector TIC, especialmente enfocadas na área de coñecemento e aplicación da intelixencia artificial.
A firma do convenio tamén contou coa presencia da alcaldesa Inés Rey posto que Concello e Universidade promoven e comparten proxectos estratéxicos para potenciar A Coruña como referente tecnolóxico no ámbito das TIC, co proxecto da Cidade das TIC, e a intelixencia artificial, coa consecución da sede da Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial (AESIA).
Este convenio de colaboración con Minsait ten como finalidade promover e potenciar a relación da Universidade co tecido produtivo e facilitar a chegada de solucións tecnolóxicas innovadoras, éticas e seguras baseadas en intelixencia artificial ao sector empresarial e industrial en beneficio da sociedade. Ademais, o convenio contempla a colaboración a través de actividades nas áreas da docencia e formación, o que reforzará a calidade e interese da oferta formativa da UDC dentro do ámbito das TIC e da intelixencia artificial en concreto.
O reitor declarou que este convenio «é a primeira pedra para facer que a AESIA sexa unha realidade e axude ao desenvolvemento da universidade e a cidade». Abalde explicou que o acordo recolle e amplía as colaboracións puntuais xa existentes entre a UDC e Minsait e agradeceu á empresa o apoio dado desde o inicio ao proxecto da Cidade das TIC. «Este convenio é un salto nunha colaboración xa existente, moi importante para a UDC pois vai permitir mellorar a formación e desenvolver o talento que necesitan as empresas tecnolóxicas», apuntou Abalde.
Pola súa parte o director Global de Administracións Públicas de Minsait, Luis Fernández, puxo de relevo a importancia deste convenio que permitirá a formación dos estudantes universitarios e tamén a recapacitación de traballadores nun contexto en que se necesitan expertos en IA. Só na súa compañía, Fernández calculou que en 2023 se contratará a 5.000 profesionais TIC. «A IA é a evolución natural do que levamos facendo durante trinta anos; xeráronse moitos datos e agora hai que analizalos para que sexan unha axuda na toma de decisións», manifestou, engadindo que ao reto da formación únese na actualidade o desenvolvemento da parte normativa “para un uso adecuado da algoritmia e a trazabilidade”.
Javier Muñoz, director Global de Cloud de Minsait, reforzou a importancia do pertinente uso dos algoritmos para o que será de importancia a AESIA, de forma que aportará ética e responsabilidade para que os algoritmos sexan xustos. Muñoz puxo a disposición do desenvolvemento da cidade todas as capacidades de Minsait, cuxa sede na Coruña conta con 1.100 traballadores.
A alcaldesa incidiu en que este convenio que vai permitir crear un espazo de innovación conxunto entre a empresa e a Universidade «é un paso máis na configuración da Coruña como unha cidade de referencia nacional e internacional no ámbito da tecnoloxía».
«A UDC é un dos piares fundamentais para o crecemento da cidade», dixo, así como o sector empresarial que fixo que a cidade sexa, con 700 firmas, a área de Galicia con máis empresas do sector TIC. «As administracións públicas temos a obriga de xerar un ecosistema empresarial para que teñan un espazo en que crecer e xerar emprego de calidade», finalizou Rey.
Este convenio enmárcase dentro das actividades estratéxicas que se están a desenvolver por parte do Nodo UDC Coruña de IA, coordinado polo profesor da Facultade de Informática, Marcos Ortega, no marco de establecer intereses comúns e fomentar a colaboración entre a Universidade e o tecido social, reforzando desta maneira a aposta da UDC pola intelixencia artificial e a súa implantación responsable na sociedade.

Luis Fernández, Julio Abalde, Inés Rey e Javier Muñoz participaron esta mañá na sinatura do convenio entre a UDC e Minsait (Indra).

PUBLICIDADE