A UDC e ABANCA reforzarán o papel referente da Cidade das TIC en Intelixencia Artificial

venres, 28 de xaneiro do 2022 S. P.

A Cidade das TIC, o proxecto co-impulsado pola Universidade da Coruña para crear na antiga Fábrica de Armas da cidade un referencial centro de coñecemento e emprendemento tecnolóxico-dixital, comezou o ano cun relevante apoio: o da entidade financeira ABANCA, que vai traballar conxuntamente coa UDC para incorporar no seu seo recursos avanzados de Intelixencia Artificial e Big Data (análise de datos a gran escala). Así o fixeron saber este venres 28, na sinatura do protocolo entre as entidades celebrada na Reitoría, o reitor da UDC, Julio Abalde, e conselleiro delegado de ABANCA, Francisco Botas.
Para o reitor, este convenio consolida a colaboración entre a UDC e ABANCA a través do Centro de Investigación TIC (o CITIC) que, é, segundo lembrou, “o maior centro de IA e o primeiro centro singular de Tecnoloxías da Información e a Comunicación de Galicia”. Tamén dixo que “este protocolo reforza a colaboración de ambas institucións no desenvolvemento da Cidade das TIC como axente de innovación tecnolóxica clave para a necesaria transformación dixital do sector empresarial e da sociedade en xeral”, afirmou Abalde.
Pola súa banda, Francisco Botas manifestou que “ABANCA é unha entidade que apostou dende o seu nacemento pola tecnoloxía e a innovación, e este compromiso lévanos a sumar os nosos esforzos aos de outras organización públicas e privadas, como a Universidade da Coruña”. Na súa opinión, este acordo servirá para desenvolver un proxecto de gran calado para a cidade herculina e para Galicia, e converterase nun referente no ámbito da tecnoloxía e a innovación dixital.
Convenios posteriores recollerán as accións concretas para materializar este protocolo de colaboración que permitirá o intercambio e a formación de profesionais, profesores e investigadores, así como favorecer a participación conxunta en proxectos de investigación e desenvolvemento, entre outras iniciativas. Este protocolo ten unha vixencia de catro anos, prorrogábel a outros catro.

PUBLICIDADE