A UDC amplía a capacidade da súa rede sen fíos

xoves, 10 de maio do 2007 Fernando Sarasketa

A Universidade da Coruña vén de ampliar a capacidade da súa rede sen fíos, a UDCWIFI. Estas melloras, que segundo a institución educativa van orientadas a dar servizo a toda a comunidade educativa, consisten basicamente na achega dunha nova configuración para permitir a navegación web directa (“sen necesidade de servidor proxy ou pasarela”) e na inclusión de todo tipo de ferramentas de axuda e guías na remodelada páxina web da iniciativa.
Por outra banda, a Universidade informa que xa instalou 150 novas antenas correspondentes á terceira fase do proxecto, ampliando a cobertura sen fíos nos centros universitarios. En total, sinala a UDC, a rede sen fío xa conta con máis de 400 antenas.
O servizo insírese no programa de mobilidade “eduroam”, polo que calquera usuario pode tamén dispor da rede sen fíos do resto de organizacións adheridas, como é o caso das Universidades de Santiago e Vigo.

PUBLICIDADE