A Tecnópole e os Polígonos de San Cibrao e Sabón cooperarán no fluxo compartido de tecnoloxías

venres, 16 de outubro do 2009 Fernando Sarasketa

As novas tecnoloxías son en si mesmas unha excusa (en positivo) para a colaboración, o pulo que esta precisaba. Isto é aplicable a nivel de usuarios, e tamén no eido das empresas. Esta colaboración pode darse de moi diversas formas, e case todas acadan un grao salientable (e saudable) de equilibrio entre o beneficio propio e as vantaxes para todo o conxunto. Este semella ser o alicerce do programa colectivo no que participan a Tecnópole e os Polígonos Industriais de San Cibrao das Viñas (Ourense) e Sabón (Coruña). A iniciativa, chamada Programa de Cooperación con Parques Industriais e Tecnolóxicos (COPIT), participa das características do devandito modelo de pacto tecnolóxico entre competidores-aliados: vai encamiñada a beneficiar a produtividade e a puxanza das empresas e centros tecnolóxicos situados nestes recintos, por separado e en conxunto. A fórmula, como dixemos, será a da colaboración.
Por certo que o programa foi presentado esta mañá na Tecnópole nun acto no que participou a súa directora, Luisa Pena, logo dun evento sobre propiedade industrial que correu a cargo da consultora Clarke, Modet & Cº.
Segundo se especificou no transcurso da presentación, un total de 20 parques científicos e tecnolóxicos e 28 polígonos industriais de toda España están a concorrer xa no COPIT, que ten como finalidade establecer un tecido de cooperación entre as empresas e as entidades que desenvolvan a súa actividade nestes complexos, xirando as alianzas arredor do intercambio de necesidades e ofertas tecnolóxicas.
No noso país, informou a Tecnópole, o programa materialízase na colaboración entre o Parque Tecnolóxico de Galicia,e os Polígonos de San Cibrao das Viñas e Sabón.
Segundo relatou Pena, o Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole) porá a disposición das empresas que se integren no programa os seus servizos de soporte á innovación de alto valor engadido, así como os seus espazos e instalacións científico-tecnolóxicas, e organizará cos Polígonos de Sabón e San Cibrao das Viñas encontros sectoriais que fomenten a cooperación.
Na imaxe, de esquerda a dereita, Marta Marzoa (xerente do Polígono de San Cibrao), Luisa Pena e Yolanda López (xerente do Polígono de Sabón).

PUBLICIDADE