A Tecnópole dá a coñecer os gañadores da edición 2021 de Galiciencia, que obtivo récords de participación

venres, 4 de xuño do 2021 S. P.

A Tecnópole, organizadora da 16ª edición de Galiciencia que se celebrou os días pasados en formato online, novamente, deu a coñecer os nomes dos equipos premiados na feira, a maior do seu ámbito de cantas se celebran en Galicia e unha das máis relevantes a nivel estatal. A Tecnópole tamén salientou o récord de participación desta convocatoria, na que se implicaron de 7.588 estudantes de Primaria, Secundaria, FP e Bacharelato -7.302 de Galicia e 286 de fóra da comunidade-, de 113 centros educativos diferentes.
O Parque Tecnolóxico de Galicia -Tecnópole- promove desde o ano 2006 Galiciencia, que conta co apoio da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Innovación (GAIN); e coa colaboración da FECYT do Ministerio de Ciencia e Innovación.
A súa finalidade é estimular a creatividade e o talento para innovar dos máis novos, permitíndolles achegarse á ciencia a través do xogo e a creación e contribuíndo a espertar neles as vocacións científicas.
Os proxectos presentados ao concurso responderon ao lema desta edición, A innovación Pos-COVID a través da revolución do talento. Equipos de Secundaria, Bacharelato e FP competían polo premio final do certame, dos que se seleccionaron 55 proxectos; fóra de competición tamén participaron estudantes de Primaria e Educación Especial.

Os gañadores do primeiro premio

Os premios
O primeiro premio recaeu no proxecto VibroSwim de Pablo Pedrosa e Guillermo Giacone, do CPR Las Acacias-Montecastelo de Vigo. Os rapaces sinalan que o seu invento “serve para asistir a nadadores profesionais con cegueira total, axudándolles a coñecer os límites da psicina”. Este primeiro premio, dotado con 1.000 euros, permitiralles financiar a súa participación na maior feira científica a nivel estatal, Exporecerca, que se celebra anualmente en Barcelona.
O segundo equipo clasificado foi o formado por Pedro Leiva e Álex Lage, do Seminario Dicocesano de Lugo. Elaboraron un lavamáns portátil, que permite facer o lavado e secado de mans dunha maneira sinxela sen que a persoa teña que desprazarse, co fin de mellorar a calidade de vida das persoas con pouca mobilidade. Este segundo premio supón un apoio económico de 500 € para participar na Zientzia Azoka, a feira de ciencia que ten lugar cada ano en Bilbao.
O terceiro premio foi para o proxecto Televisioven de Guillermo Castelló e Rocco Sánchez-Pug, do IES Rosalía de Castro de Santiago de Compostela. Trátase dunha cociña solar “rápida, eficaz, lixeira e resistente” construída a partir da reciclaxe e adaptación do chasis dun televisor. O equipo recibe 200 € para participar no programa de actividades organizadas polos Museos Científicos Coruñeses con motivo da Semana da Ciencia.
O premio para a mellor comunicación recaeu no proxecto Novos residuos… novas solucións de Eva Currás e Uxía Pazó, do CPR Eduardo Pondal de Cangas.
O proxecto máis innovador foi VibroMesh de Beatriz Estévez e Carlota Hernández, do CPR Las Acacias-Montecastelo de Vigo.

A imaxe gañadora do certame centrado en Instagram

O premio para o mellor proxecto liderado por unha rapaza e/ou cunha temática relacionada con iniciativas que contribúan á igualdade de xénero na contorna da I+D+i foi para Nahia Urteaga e Leire Soto da Lauro Ikastola de Biscaia. Trátase dunha investigación sobre o crecemento das plantas en microgravidade.
A mellor valoración popular foi para o proxecto The Mandalorian Helmet, de Ignacio Camanzo e Carlos Amigo, do Colexio Manuel Peleteiro de Santiago. É un dispositivo capaz de medir a luz, son, temperatura e humidade dun lugar, ademais de detectar a presenza de obxectos ou persoas.
A gañadora do concurso de fotografía a través de Instagram, baseado na temática desta edición de Galiciencia, A innovación pos-COVID a través da revolución do talento, foi Nara García Fidalgo, do IES Lauro Olmo do Barco de Valdeorras. A imaxe, titulada Fin, reflicte, a través dunha fogueira na que se vai queimar unha máscara, o desexo de que remate a pandemia.
Todos os proxectos seleccionados esta edición están expostos en na páxina web de Galiciencia.

PUBLICIDADE