A Technium LAN Party de Ourense, a piques de comezar

mércores, 10 de abril do 2013 Redacción

Alumnado da Escola Superior de Enxeñaría Informática organiza unha nova “quedada” do 12 ao 14 de abril no Pavillón do campus

Os seareiros das novas tecnoloxías teñen unha cita este venres 12 de abril á que non poden faltar, a Technium LAN Party 2013, un encontro informatizado que se celebrará no pavillón do campus de Ourense e que se prolongará dende o venres ás 8 da mañá até o domingo ás 20 horas. Os asistentes á Technium LAN Party terán 55 horas ininterrompidas para conectarse e partillar coñecementos e dúbidas cunha conexión de 100 Mbps simétricos e unha LAN completamente a Xigabit, os inscritos poderán levar o equipo informático que desexen (videoconsolas e ordenadores). Durante os días de celebración terán sitios habilitados para descansar (recoméndase levar saco de durmir) e duchas á súa disposición. O prezo para as persoas que queiran achegarse será de dez euros para toda a fin de semana e de tres euros para un só día.
Esta xuntanza -segundo apunta a Universidade de Vigo- nace da reformulación da quedada informática que se viña realizando nos últimos anos no campus baixo o nome de Scul Party. Con ánimo de continuar a organización deste evento en 2013, a ASEII (Alumnado da Escola Superior de Enxeñaría Informática) en colaboración co centro, decidiu asumir a súa organización apostando por abrir a participación a todas as persoas de fóra de Ourense, ampliando os seus contidos con conferencias e incrementando os servizos a disposición dos inscritos. A Technium LAN Party deste ano constará de tres apartados principais. Haberá concursos como o lanzamento de CD, de fotografía, de programación, de Minecraft, de Overclock e de diseño 2D. Tamén se celebrarán torneos de Magic: The Gathering; de Team Fortress 2; de League of Legends, de TrackManía United; de Poker; de Counter Strike: Global Offensive e de Age of Empires 2, entre outros. Como novidade está a celebración de varias conferencias, entre elas a de Nuno Troitiño -titulada Hackeando o Sistema Operativo Humanos- sobre o compoñente humano nas novas tecnoloxías, e unha introdución á programación con Android, na que os participantes verán de xeito práctico como crear aplicacións para este sistema coa linguaxe de programación Java.

PUBLICIDADE