A TVG renova os seus estudos de produción

luns, 29 de outubro do 2012 Marcus Fernández

Para adaptarse aos cambios constantes dos medios de produción audiovisual a Televisión de Galicia vén de rematar a reforma integra da estrutura do seu control central e dos estudios de produción cunha nova infraestrutura que conta con equipamento de última xeración e as últimas tecnoloxías do mercado que permite o tratamento de sinais en alta definición.
O novo control central da TVG incorpora unha matriz de alta definición 3G que pode acadar un máximo de 512 entradas e ata 1.024 saídas e que integra un sistema de presentación multipantalla, utilizado nos estudios, que substitúe ao monitorizado tradicional por varias pantallas grandes que permiten compoñer un panel de monitorado que se axuste ás necesidades de cada produción.
Os estudos de produción tamén mudaron de cámaras e mesturadores de vídeo, chegando incluso a incorporar un sistema de servidores de vídeo con almacenamento compartido e centralizado. No que á sala de enlaces se refire, agora pódense unificar todos os provedores da casa, con dúas áreas, de contribución e distribución de programa e coa actualización de todos os equipos de transmisión de rede que empregan tecnoloxía de vídeo sobre IP.
Con esta reforma preténdese incrementar a calidade das producións da TVG, mellorar a súa capacidade e incluso optimizar a ergonomía dos postos de traballo.

PUBLICIDADE