A TVG actualiza os seus informativos ao formato panorámico

martes, 5 de abril do 2011 Marcus Fernández

A renovación do parque de televisores, a dixitalización do sinal de televisión e a chegada da alta definición foron os factores que levaron á meirande parte das canles a adaptar os seus programas ao formato panorámico (16:9), de xeito que os posuidores de televisores modernos non teñen que ver a imaxe deformada ou con bordes negros nos lados, o que nas emisoras públicas parece estar a facerse de rogar, especialmente nos servizos informativos, pero hoxe a TVG, adiantándose a TVE, pasou a emitir o Telexornal en 16:9, rematando o seu proceso de migración ao formato panorámico, o que agradecerán especialmente os espectadores.
Nos últimos meses á TVG xa adaptara as súas series de televisión e os magazines a 16:9, pero os servizos informativos da cadea pública galega quedaran fóra desta actualización ata hoxe, momento no que celebramos un ano do apagamento analóxico, destacando o feito de que a Televisión de Galicia é a única canle que obtén melloras de audiencia tras a implantación total da TDT, cun incremento do 1,5% da cota de pantalla, mentres que o resto de canles xeralistas con licenza de TDT rexistraron retrocesos ou cotas moi inferiores.
A cota de pantalla da TVG foi do 13,7% en marzo, mentres que a segunda canle pública autonómica (tvG2) conseguiu un 0,8% da audiencia, polo que parecen ser alleas á crise das audiencias que provocou a súa fragmentación en numerosos programas de TDT.
No mesmo mes a canle líder en Galicia foi La 1, co 16,3% de cota de pantalla, o que supón unha caída do 10,9%, quedando a TVG nun segundo posto, seguido por Telecinco (13%), Antena 3 (9,9%), LaSexta (6%), Cuatro (5,7%) e La 2 (2,5). A nova V Televisión tivo que conformarse cun 0,4% da audiencia, mentres que Popular TV Galicia quedou aínda en peor lugar, non só por quedar nun 0,2% do share, senón tamén por caer un 33,3%.

PUBLICIDADE