A TDT supera en audiencia á televisión analóxica en Galicia

martes, 1 de setembro do 2009 Marcus Fernández

Cota de pantallla por comunidades autónomas relativa ao pasado mes de agosto, nun gráfico elaborado por Barlovento Comunicación en base a datos de TNS

Os datos das audiencias de televisión por comunidades autónomas relativas ao mes de agosto reflicte que a Televisión Dixital Terrestre goza de bastante saúde en Galicia, superando xa en cota de pantalla á televisión analóxica. Máis concretamente, a TDT tería unha audiencia do 39,6%, mentres que a televisión analóxica queda no 39%, a de satélite o 5,1% e o cable o 15,9%.
Con estes datos temos que o comportamento galego está moi preto da media española, aínda que resultan tamén curiosos os casos de Euskadi e Aragón, comunidades que teñen unha cota de pantalla do cable do 42,1% e o 33% respectivamente, deixando en evidencia que a TDT non sempre compite directamente coa televisión analóxica.
De todos os xeitos, o 35,5% da audiencia televisiva española correspóndese ás emisións analóxicas, o que aínda é bastante elevado se temos en conta que o apagamento analóxico do Estado está programado para o 3 de abril de 2010.

PUBLICIDADE