A SGAE prognostica que a piratería desaparecerá no prazo dun lustro

venres, 10 de novembro do 2006 Raquel Noya

A SGAE non deixa de sorprender ós internautas. Esta vez foi o director do gabinete de relacións institucionais da Sociedade, Pedro Farré López, quen recentemente asumiu o papel de adiviño nun encontro que mantivo con periodistas en Santiago e prognosticou a fin da piratería en Internet nun prazo de cinco anos. Segundo Farré, a piratería dixital “non vai existir sempre debido a que as mesmas operadoras de telefonía están cada vez máis interesadas no negocio da música e do cine polo que, cando estas operadoras acaden a penetración que desexan nas liñas ADSL, “pecharán esta billa”.
Tamén declarou que os autores viron reducidos os seus ingresos á metade nos últimos anos, co que algúns pasaran de vender 80 millóns de discos a tan só corenta. Igualmente, Farré preguntoulle de xeito retórico ó auditorio se alguén coñecía a algún mozo de entre 16 e 28 anos que mercara discos... evidentemente non obtivo resposta algunha (e xa se sabe que quen cala outorga), aínda que é probable que se a pregunta se formulase doutra maneira, algo así como: “Por que os novos que coñecedes non mercan discos?”, máis de un tería erguido o brazo para responder coma se estivese en xogo a pregunta do millón de euros.
E non un, senón 10 millóns de euros son os que a Sociedade Xeral de Autores e Editores ten previsto investir inicialmente na súa nova sede integral para o noroeste peninsular que actualmente está en construción en Santiago e que estará concluída para a primavera de 2007. Con esta nova sede, a Sociedade quere xogar un papel de dinamizador cultural en Galicia, organizando actividades relacionadas co mundo da cultura.

PUBLICIDADE