A Revista Galega de Educación pon o foco na dixitalización das aulas

luns, 16 de xuño do 2025 S. P.

A Revista Galega de Educación (RGE), publicación editada polo Movemento de Renovación Pedagóxica Nova Escola Galega (NEG), vén de lanzar o seu número 92, centrado nun tema de plena actualidade: a dixitalización nas aulas e o programa E-Dixgal impulsado pola Xunta para integrar o uso das novas tecnoloxías na docencia galega.
Coordinado por Jesús Rodríguez Rodríguez, Silvia López Gómez, Camino Pereiro González e Denébola Álvarez-Seoane, este monográfico aborda a dixitalización educativa desde múltiples perspectivas: pedagóxica, social, crítica e práctica.
Segundo sinalan dende a NEG, entre os documentos destacados deste número atópase o titulado Medidas necesarias para mellorar a dixitalización nas aulas galegas, que recolle recomendacións fundamentadas por parte de profesionais de distintos niveis educativos. “Esta proposta abrangue desde a práctica docente ata a formación do profesorado e a creación de estruturas de apoio, apostando por un modelo de integración tecnolóxica crítico, sostible e contextualizado”, indican, engadindo que tamén se inclúen achegas que analizan a competencia dixital docente en Galicia, sinalando “importantes carencias na formación inicial e continua do profesorado”, e que examinan o impacto do currículo LOMLOE neste ámbito, advertindo sobre os riscos dunha burocratización excesiva.
Outros artigos afondan na alfabetización dixital na primeira nenez, o uso das ferramentas STEM (siglas de Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemática) na secundaria, a presenza da Intelixencia Artificial nas aulas, a descrición dunha experiencia de centro en primaria ou os retos específicos da dixitalización no medio rural.
Ademais, a entrevista con Manuel Area e Jordi Adell achega unha “mirada crítica sobre a actual estratexia dixital institucional”, poñendo o foco “nas súas contradicións” e “reivindicando unha dixitalización con sentido pedagóxico e social”.
Ademais dos textos mencionados, o número complétase cun amplo conxunto de artigos que enriquecen o monográfico con análises, experiencias e reflexións diversas arredor da dixitalización educativa en Galicia.
En palabras da NEG, “no contexto de crecente debate sobre os modelos dixitais no ensino, este número da RGE constitúe unha ferramenta fundamental para a reflexión crítica e o diálogo informado”.
Para máis información, pódese consultar a web oficial da revista ou asistir á presentación, que terá lugar o martes 17 de xuño ás 19:00 horas na libraría Couceiro, en Santiago de Compostela.