A PlayStation 5 permitirá usar unidades SSD de até 8 TB

luns, 31 de xullo do 2023 Marcus Fernández

Sony iniciou hoxe as probas da nova versión do software de sistema da PlayStation 5, que mellora en funcións de accesibilidade e opcións de son, facilidades para conectar con outros xogadores e incluso un cambio no soporte de unidades SSD para ampliar a capacidade de almacenamento interno da consola.
Neste último apartado cómpre lembrar que a PS5 de serie só inclúe 825 GB de almacenamento interno (o que deixaría uns 667 GB dispoñibles para xogos), o que é claramente insuficiente para un xogador medio, xa que está a normalizarse que os grandes xogos superen os 150 GB de tamaño (e incluso hai casos como o Call of Duty: Black Ops Cold War, que ocupa 312,6 GB).
Este problema co almacenamento da PS5 é especialmente grave se non contamos cunha conexións de banda larga excelente, xa que a descarga de cada título pode precisar de varias horas, o que non resulta razoable cando queremos xogar a un título que non teñamos instalado, de aí que Sony ofreza a posibilidade de ampliar o almacenamento interno da consola cunha unidade SSD en formato M.2, que grazas á nova actualización e probas poderá ter un tamaño de até 8 TB. Neste momento tal capacidade pode resultar esaxerada, xa que as unidades NMVe de 8 TB aínda son pouco habituais e moi caras (roldan os mil euros) pero dado que as de 2 TB e 4 TB xa teñen prezos asumibles, resulta razoable ir preparando a consola para o futuro.
A nivel de accesibilidade, a PS5 permitirá escoller un sendo mando para axudar ao usuarios principal, de xeito que funcionarían como un único mando, o que permite poder axudar a un amigo ou a un cativo a superar algún momento desafiante dun xogo.
A consola tamén recibe un maior soporte de dispositivos Dolby Atmos, de xeito que quen teña sistemas de cine en casa ou barras de son compatibles con esta tecnoloxía poderá aproveitar o seu equipamento para ter unha experiencia máis inmersiva coa PS5 á ahora de reproducir contido multimedia (a PS5 continúa sen soporte de Dolby Atmos en xogos).
De cara á relación con outros usuarios tamén será máis doado montar quedadas para xogar cos amigos.
Outro detalle interesante é que a colección de xogos integra un buscador, o que pode resultar de grande utilidade cando temos unha colección de xogos moi completa.

PUBLICIDADE