A Oficina de SwL da USC organiza en setembro un seminario sobre lingüística e código aberto

mércores, 5 de agosto do 2009 Fernando Sarasketa

Material do curso sobre Ubuntu celebrado recentemente

Tal e como demos conta os días pasados, a promoción do software libre non tivo descanso este verán en Compostela, onde a Oficina de Software Libre da Universidade de Santiago organizou dous seminarios encamiñados a introducir a estudantes (e non estudantes) nos segredos da programación aberta, que son basicamente os seguintes: é máis colaborativa, máis adaptable ás necesidades de cada quen e máis económica para usuarios, institucións e empresas. As actividades en cuestión, inseridas no programa de Cursos de Verán que organiza por estas datas a USC, foron os seguintes: Introdución a GNU/Linux Ubuntu (cunha participación de 50 persoas) e A revolución do Software Libre. Por certo que ámbolos dous foron moi ben valorados polos asistentes.
Pois ben, segundo apuntan a propia Oficina e máis o Centro Mancomún (altofalante galego deste tipo de eventos), a achega formativa non remata aí, posto que en setembro xa temos unha nova entrega: O Software Libre e a Lingüística.
Esta iniciativa en concreto, tal como indica o seu nome, incidirá na necesidade de dar a coñecer as posibilidades de desenvolvemento que a programación aberta, cooperativa en si mesma, pode ter para unha disciplina que tamén se basea, e en gran medida, na concorrencia de moitos: a lingüística. Este terceiro curso, que se celebrará en Santiago entre os días 21 e 24 de setembro, contará coa presenza activa de especialistas en informática aberta e linguaxe, como por exemplo Antón Méixome (Mancomún), quen dirixirá dúas sesións abordando as características das ferramentas de software libre existentes neste eido (como correctores ortográficos ou analizadores sintácticos) ou os aplicativos en desenvolvemento. Asemade, a iniciativa contará coa concorrencia de Miguel Branco, Marce Villarino ou José Ramón Pichel. O seminario, informa a Oficina de Software Libre da USC, está dirixido ao público en xeral, malia revestir un interese máis salientable para aquelas persoas especialmente vinculadas aos devanditos ámbitos de traballo: tradución, programación, investigación lingüística e industrias da lingua.

PUBLICIDADE