A OMS achega información sobre o COVID-19 por WhatsApp

venres, 20 de marzo do 2020 Marcus Fernández

Nos últimos días as principais plataformas de redes sociais e incluso YouTube integraron anuncios e información de interese sobre o COVID-19 para loitar dende fontes fiables contra a desinformación que pode ser tan perigosa nesta situación, e precisamente unha das principais fontes de falsidades, WhatsApp, vén de unirse a esta loita dun xeito curioso: cun bot da Organización Mundial da Saúde (OMS) a través do que achega información actualizada sobre a pandemia as 24 horas do día.
Para poder interactuar con este chatbot en inglés temos que engadir como contacto no móbil o número de teléfono +41 79 893 18 92, e tras dicirlle Hi o sistema responderá cunha listaxe de opcións de información dun xeito semellante a como responde un bot telefónico cando chamamos a un servizo de información.
O chatbot da OMS achega os últimos números da pandemia, consellos para protexernos, respostas a preguntas frecuentes, falsidades que están a circular pola Rede (e das que claramente non debemos fiarnos), advertencias de cara a viaxes e información sobre novas e prensa. Toda unha serie de información que podemos atopar facilmente a través da web, pero que con esta ferramenta busca chegar a toda serie de persoas que usan o WhatsApp como unha porta á Internet.
Polo momento o servizo só está dispoñible en inglés, pero está prevista a súa adaptación ao árabe, o chinés, o francés, o ruso e o español.

O chatbot da OMS polo momento só está dispoñible en inglés

PUBLICIDADE