A Mesa abre espazo propio nas redes sociais Facebook e Tuenti

xoves, 19 de febreiro do 2009 Fernando Sarasketa

A Mesa pola Normalización Lingüística, na súa arela de reforzar e amplificar a transmisión do seu ideario (a defensa da nosa lingua, activa para todos os eidos da sociedade) vén de dar a coñecer unha serie de iniciativas directamente relacionadas coa Rede e, máis polo miúdo, coa Rede participativa: aquela na que o internauta mete man. En primeiro lugar, a Mesa comunica a achega dun perfil propio de seu no Facebook, rede social en proceso imparable de medre (arestora conta con 120 millóns de usuarios) dende a que se ofrecen servizos de comunicación directos para colectivos con intereses comúns. “Facéndote amiga ou amigo da Mesa a través do Facebook”, informan os responsables da plataforma galega, “poderás recibir toda a información sobre actos que xa recibes na web da asociación e ademais ver fotos das nosas actividades ou apoiar as campañas que se vaian poñendo en liña”.
A maiores, a plataforma galega tamén está a dar conta dun novo servizo para os máis novos e posto en marcha pola Mocidade pola Normalización Lingüística: un perfil propio de seu en Tuenti, outra rede social na que poderemos engadirnos como amiga ou amigo co fin de obter de primeira man contidos e recursos variados (vídeos, imaxes) sobre as campañas da Mesa.
Como dixemos, o obxectivo da dita organización galega con estas iniciativas dixitais é abrir novas canles de comunicación e de participación para as súas socias e socios e, en definitiva, para todas aquelas persoas concienciadas coa preservación e posta en valor da nosa lingua.

PUBLICIDADE