Presentadas novas propostas galegas de pulo á programación aberta con motivo da Libre Software World Conference

martes, 2 de outubro do 2012 Fernando Sarasketa

Os vindeiros días, Santiago estará por dereito propio no punto de mira da comunidade internacional de usuarios e desenvolvedores de programas abertos. Ou sexa, de todos aqueles que defenden para a informática os preceptos da cultura libre (que ollo, non ten porqué significar cen por cen de balde, que cada achega é un mundo). Falamos da Libre Software World Conference 2012, un evento que xa anunciamos en Código Cero e que se vai desenvolver os días 18 e 19 de outubro, dando acubillo a boa parte dos principais expertos internacionais na materia. Como novidade a destacar, dicir que co gallo do encontro, o Espazo Ecosocialista Galego está a presentar as súas propostas para darlle pulo ás tecnoloxías libres.
Estas propostas veñen achegadas en estreita relación con cuestións como o fomento empresarial, o emprego destas ferramentas libres na administración pública e no ensino ou a súa aplicación no ámbito científico e investigador (a través de licenzas copyleft). O obxectivo principal do Espazo Ecosocialista con este documento-manifesto é “axudar a reducir e eliminar a fenda dixital entre sectores sociais e hábitats, promovendo o desenvolvemento global do emprego das novas tecnoloxías”. Para os ecosocialistas, a realidade amosa que se ben se incrementa o uso destas ferramentas tecnolóxicas (TIC) nos núcleos e espazos máis desenvolvidos, pola contra as sociedades desfavorecidas asisten ao afianzamento da exclusión dixital que, por outra banda, non fai máis que aumentar os seus problemas de progreso e modernización. Resultado? Máis diferenzas sociais, económicas, xeracionais, profesionais e formativas.
Para a agrupación, a solución ao problema comeza por apostar dende as administracións públicas, de xeito unánime e integral, polo software e polo hardware libre. Nun plano concreto, pasaría “por apoiar ás plataformas que garantan unha industria localizada de software e hardware libre, a través da incorporación de empresas".
Tamén defenden a posta en marcha de “mecanismos efectivos para incrementar e axilizar o uso no ámbito empresarial, con especial apoio aos autónomos e pequena e mediana empresa a través de axudas para a formación, instalación, migración, mantemento...”. Proponse tamén o apoio ás empresas (PEME) produtoras de software e hardware libre, así como ás vinculadas que completan a actividade (formación, asesoramento, instalación, migración, mantemento...).

PUBLICIDADE