A LaconNetwork de maio celebrarase en Ortigueira

venres, 20 de maio do 2016 Marcus Fernández

Aproxímase o remate do mes, e unha vez máis a organización da LaconNetwork aproveita o último venres para celebrar un dos seus encontros tecnolóxico-gastronómicos, trasladándose desta volta a un curruncho de Ortegal, concretamente ao Hotel de Natureza A Miranda (Cariño), onde un bo número de emprendedores e profesionais do sector TIC galego daranse cita para facer networking á vez que pasan unha xornada distendida e divertida gozando da tranquilidade da ría de Ortigueira e das súas vistas.
Coa visita a Ortigueira chégase á edición número 72 da LaconNetwork, tendo que aboar os interesados en asistir 20 euros no momento da súa inscrición para sufragar o xantar que estará composto por tapas e racións como crema de porros, mexillóns en escabeche, hummus, arroz mariñeiro, crema de cenoria e curry, guacamole, tortilla de patacas, empanada de vexetais, croquetas de fabas, tostas de xamón ibérico e tostas de chacina.
Os interesados en alongar a xornada durante a fin de semana poderán beneficiarse de descontos do 10% para unha noite ou do 15% para dúas noites.
Esta xornada está organizada por Noa Orizales, de Contidos Dixitais, compañía que achega solucións de e-learning para empresas que queren despreocuparse dos problemas técnicos da formación en liña dos seus empregados e clientes. O encontro tamén pretende ter o seu eco nas redes sociais, de aí que convidasen aos alumnos do módulo de FP básica de madeira do IES de Ortigueira para que preparasen un photocall que de seguro que o vindeiro día 27 veremos nas nosas cronoloxías dixitais.

PUBLICIDADE